Menú
Proxecto OTERSU

No ano 2006, SOGAMA, xunto con outras oito empresas e a través dun Consorcio público-privado, resultou beneficiaria dunha subvención de I+D+i concedida polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) do Ministerio de Industria, dentro do Programa CÉNIT (Consorcios Estratéxicos Nacionais en Investigación Técnica), na área do medio ambiente, desenvolvemento sostible e enerxías renovables.  O proxecto seleccionado, coñecido como “OTERSU” e no que participa a entidade, ten como obxectivo a creación dun Observatorio de Tecnoloxías de tratamento de Residuos Sólidos Urbanos.

ANTECEDENTES

Elevación dun contedor

En liña coa estratexia da UE e no marco do Plan Nacional de Reformas de España, cuxos principais obxectivos son o aumento da produtividade e o emprego, e tendo como referencias permanentes a cohesión social e o desenvolvemento sostible, o Goberno español elaborou o Programa “Ingenio 2010”, un compromiso que pretende involucrar ao Estado, á Empresa, á Universidade e a outros Organismos Públicos de Investigación nun esforzo decidido por lograr neste terreo o nivel que a España lle corresponde polo seu peso político e económico en Europa.

A inversión en I+D+i é a clave para manter e aumentar o crecemento, a produtividade e o benestar da nosa sociedade, e a brecha que separa a España do resto dos países do seu contorno fai que o achegamento se convirta nun obxectivo prioritario da política estatal científica e tecnolóxica para os vindeiros anos.

O programa “Ingenio 2010” supón unha mellor xestión das políticas existentes, focalizando os recursos adicionais en actuacións estratéxicas que permitan acadar obxectivos máis ambiciosos, isto é, incrementar a inversión pública e privada en I+D+i, acadando o 2% do PIB en 2010, situando a España entre os 10 primeiros países da Unión Europea, aumentar a participación empresarial ata que acade o 55% do total da inversión en I+D+i, avanzar no espazo europeo de investigación, eliminar trabas burocráticas, financiar grandes liñas de investigación industrial mediante a colaboración público-privada, arriscar en empresas tecnolóxicas, integrar universidade e empresa, consolidar grupos líderes de investigación, recuperar e promocionar investigadores e estender a Sociedade da Información.

PROXECTOS CÉNIT

Para levar a cabo este cometido, o programa “Ingenio 2010” conta, entre outros, co instrumento CÉNIT “Consorcios Estratéxicos Nacionais en Investigación Técnica”, cofinanciados ao 50% polo sector privado, co propósito de aumentar a cooperación pública e privada en I+D+i, contemplando a financiación de grandes proxectos integrados de investigación industrial de carácter estratéxico, gran dimensión e longo alcance científico-técnico, e orientados a unha investigación planificada en áreas tecnolóxicas de futuro e con potencial proxección internacional, contribuíndo a un mellor posicionamento tecnolóxico do tecido produtivo español.

Área de descarga da PRTE

A esta primeira convocatoria do programa CÉNIT, anunciada en outubro de 2005, e á que se presentaron un total de 53 grandes proxectos, foron seleccionados 16, cun orzamento medio de 27 millóns de euros cada un. O proxecto OTERSU “Observatorio en Tecnoloxías de tratamento de Residuos Sólidos Urbanos” presentado polo Consorcio público-privado no que se integra a Sociedade Galega do Medio Ambiente, encontrouse entre os aprobados e conta ademais coa participación de empresas tales como Urbaser, S.A, Bionergy North España, S.A,  Fundación Instituto para la Sostenibilidad de los Recursos, Licar-Comercial Técnicas Usabal, S.L, Prodesa Medioambiente, S.L,  Taim-TFG, S.A,  Tecnatom, S.A (do grupo Endesa-Iberdrola), Exman, Explotación y Mantenimiento, S.L.

Así mesmo, e no marco desta iniciativa, a Sociedade Galega do Medio Ambiente conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Ferrol (Universidade de A Coruña) para o desenvolvemento de traballos centrados nas tecnoloxías da información e da comunicación, contemplando a optimización do transporte, pesaxe e identificación de residuos a través dun sistema de GPS, e abordando outros estudos orientados á reciclaxe e recuperación de vidro, reciclaxe e aproveitamento de escouras e novas tecnoloxías nos sistemas de depuración de augas residuais.

Para máis información, www.otersu.es