Menú
Proxecto de irmanamento con Romanía
Irmanamento con Romanía

Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, asesorou ao goberno romanés na xestión ambiental, materializando o seu labor na rexión de Bacau, situada ao nordeste do país e de estensión similar a Galicia, como área piloto para extrapolala a toda Romanía.

No seu momento a proposta presentada o 13 de marzo de 2007 para executar a fase II dun proxecto de Irmanamento (Twinning), foi seleccionada como a máis idónea polo Ministerio de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Romanía, o propio goberno romanés e a Comisión Europea, constituíndose no primeiro proxecto gañado por España no eido medioambiental deste país. A candidatura de Galicia contaba con Holanda como “junior partner” e competía con Bélxica, Grecia e Italia, que gozaban dunha gran vantaxe por encontrarse desenvolvendo a fase I.

O proxecto, dotado con 1 millón de euros e que foi presentado oficialmente o 31 de marzo de 2008, concluiu en agosto de 2009. A súa financiación correu a cargo dos Fondos Europeos PHARE (incluidos desde 2007 no Instrumento de Axuda de Preadhesión - IPA), un dos instrumentos financeiros dos que dispón a Unión Europea para facilitar a integración dos países de Europa Central e do Este. Neste sentido cabe sinalar que Romanía está a destinar unha cuarta parte da totalidade destes Fondos a melloras ambientais durante o período 2007-2013.

Os proxectos de Irmanamento ou Twinning son proxectos gubernamentais que teñen como finalidade axudar aos Estados candidatos ou novos Estados Membros da UE no desenvolvemento das súas administracións, de forma moderna e eficiente, coas estruturas, recursos humanos e ferramentas de xestión necesarias para a implantación do acervo comunitario. A característica principal dos Twinning é que deben acadar resultados específicos e garantidos, e por este motivo as partes (país beneficiario e Estado Membro) acordan con anterioridade un plan de traballo detallado para cumprir cos obxectivos de referencia.

 A aportación clave do Estado Membro é a asignación dun equipo para a execución do proxecto, debendo contar cun líder, que neste caso concreto foi o Presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), quen asumíu a responsabilidade da execución e coordinación do proxecto, e un conselleiro residente, que traballa a tempo completo no Ministerio de Medio Ambiente romanés. Ambos estiveron apoiados por misións temporais, planificadas con antelación, de especialistas galegos e do resto do Estado, tanto funcionarios públicos como personalidades do ámbito privado empresarial.
O obxectivo principal do Irmanamento con Romanía foi o de prestar apoio ás Axencias de Protección Ambiental Rexionais (REPA) e Locais (LEPA) e á Axencia de Medio Ambiente Nacional (NEPA), asesorando á REPA de Bacau como punto focal para as actividades técnicas relacionadas co sector ambiental. A proposta presentada estivo dividida en dúas categorías de actividades (diarias e técnicas).

  • As actividades diarias foron as relacionadas coa capacidade institucional, política ambiental (revisión e  seguimento da implantación dos Planes de acción ambiental), procedemento de autorización integrada, xestión de residuos (seguimento da implementación do Plan de Xestión de Residuos Rexional, apoio á optimización do sistema de recollida de datos), calidade do aire e cambio climático, biodiversidade e protección da natureza, protección do solo e subsolo, reconstrución ecolóxica, instrumentos estruturais, etc
  • As actividades técnicas centráronse no apoio á avaliación da viabilidade de novos enfoques tecnolóxicos a aplicar no contexto do Plan Rexional para a xestión de residuos municipais, incluíndo custes de inversión asociados; no apoio á elaboración de enfoques modernos relacionados coa implementación dos requisitos da futura lexislación Europea no campo da fracción biodegradable dos RU;  no apoio á asunción e harmonización da lexislación romanesa coa última lexislación europea na materia; no asesoramento a expertos permanentes doutros proxectos twinning e no desenvolvemento dunha rede de comunicación e intercambio de información relacionada coa xestión dos RU.

 

Cabe esperar que esta experiencia contribuira a fortalecer a cooperación cos novos Estados Membros, tanto a nivel político coma económico, servindo de ponte para a entrada no país de referencia de compañías do sector, axudando a expandir o tecido empresarial autonómico e estatal.