A provincia de Lugo xa conta con experiencias previas, como é o caso da materializada na Mariña, que avalan a autocompostaxe no medio rural pola súa contribución a un maior coidado do contorno natural e ao aforro de custos.
Un total de 40 familias de Sober participarán nesta iniciativa, recibindo para isto a formación necesaria que lles permitirá aplicar a técnica con absolutas garantías, obtendo un compost de alta calidade e rico en nutrintes.
Así mesmo, e co obxectivo de facer máis cómoda e eficaz a segregación de refugallos en orixe, o concello distribuirá entre o vecindario 100 lotes de bolsas de cores reutilizables (amarela, azul e verde) a fin de depositar nas mesmas os envases lixeiros, o papel/cartón e o vidro.
Sober, a 27 de xaneiro de 2012.- Co apoio de Sogama, o concello de Sober (Lugo) decidiu implantar un programa de compostaxe doméstica ao que se incorporarán 40 fogares. Así o anunciou hoxe o seu alcalde, Luís Fernández, nun acto celebrado na Casa da Cultura municipal e no que estivo acompañado pola Delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Luís Lamas.
O obxectivo desta iniciativa, tal e como asegurou o rexedor, non é outro que o de comprobar os seus beneficios ambientais, económicos e sociais, xa coñecidos a través doutras experiencias desenvolvidas na provincia, como é o caso da Mariña lucense, onde un total de cinco concellos (Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada e Lourenzá) puxeron en marcha, tamén coa colaboración desta entidade pública, un proxecto piloto ao que se adscribiron finalmente 200 casas, logrando uns excelentes resultados. Non en van, o compost obtido cumpriu con todos os requisitos de calidade impostos pola lexislación vixente para ser aplicado ao solo con absolutas garantías. Así o certificou a Universidade de Santiago de Compostela a través das analíticas e avaliacións pertinentes.
No caso de Sober, a dinámica a seguir será moi similar, comezando coa selección dos domicilios dispostos a colaborar, a formación do vecindario nos pormenores da técnica e a distribución dos 40 composteiros, recipientes ecolóxicos de 360 litros de capacidade, fabricados con polietileno reciclado e reciclable, nos que ten lugar a descomposición da materia orgánica baixo condicións favorables a nivel de osíxeno, temperatura e humidade, e que en todo caso serán controladas polas propias familias. Para levar a cabo as distintas tarefas, estas contarán en todo momento co asesoramento e a supervisión dos mestres composteiros, persoal ao servizo do concello que se encargará de realizar un seguimento “porta a porta” co obxectivo de comprobar o traballo realizado e solventar as posibles dúbidas que poidan xurdir.
Deste xeito, a corporación municipal pretende garantir que a fabricación de compost se axuste ao protocolo establecido polos expertos, conseguindo un abono natural, rico en nutrntes, libre de axentes contaminantes e con gran poder fertilizante, que poderá ser utilizado nas propias hortas, xardíns e terras de cultivo dos titulares de cada vivenda.
Pero o alcalde de Sober quixo ir máis aló e a súa pretensión é aproveitar a experiencia para mellorar a colaboración cidadá no sistema de recollida selectiva, propiciando a correcta segregación de residuos en orixe.
Para isto procederá á distribución de 100 lotes de bolsas de rafia de cores de 20 litros de capacidade cada unha, plegables, reutilizables e cento por cento reciclables, estando conformado cada lote por unha amarela, para os envases lixeiros, unha azul, para o papel e cartón, e outra verde, para o vidro. As bolsas dispoñen de asas para facilitar o seu manexo e facer máis cómoda a selección, ademais dun velcro que permite a unión entre as tres e unha serigrafía específica a través da que se recorda qué tipo de refugallo debe introducirse nas mesmas, intentando evitar erros.
CONTRAPRESTACIÓNS
Con esta experiencia, o goberno local persegue un dobre beneficio. Por unha banda, o propiamente ambiental, xa que, tendo en conta que na composición media do lixo a materia orgánica representa entre o 40 e o 50 por cento, se se consegue pechar o ciclo da súa recuperación no propio fogar e se reutiliza como fertilizante, alcanzaranse importantes vantaxes para a protección do contorno natural, evitando o seu depósito nos contedores convencionais. Con isto permitirase que os servizos municipais poidan diminuír a frecuencia de recollida e, polo tanto, as emisións de CO2, á vez que se evita o tratamento industrial desta fracción de refugallos.
Doutra banda, estaría o beneficio económico, xa que non debe esquecerse que os concellos pagan a Sogama por tonelada de bolsa negra ou, o que é o mesmo, lixo xenérico depositado no contedor verde convencional. Canto menor sexa a cantidade de residuos remitida á infraestrutura desta empresa pública en Cerceda (A Coruña), menor será o desembolso que deban facer as arcas locais, podendo atender outros servizos de interese para os cidadáns.
Tampouco deben esquecerse as vantaxes sociais, evitando os continuos desprazamentos aos contedores, polo xeral distanciados das vivendas no medio rural debido á alta dispersión da poboación.
Se á elaboración de compost caseiro únese un consumo responsable, minimizando a produción de lixo, a reutilización dos produtos o maior número de veces posible e a activa cooperación nos mecanismos de recollida selectiva, non só se evitará que o concello teña que realizar un sobreesforzo económico para dar cumprimento ás súas obrigas con Sogama, xa que as facturas mensuais pola xestión e tratamento dos residuos urbanos veranse notablemente reducidas, senón que tamén recibirá máis ingresos por parte dos Sistemas Integrados de Xestión (caso de Ecoembes e Ecovidrio), que variarán en función das cantidades e calidade dos materiais destinados aos centros recicladores.
Só a correcta aplicación das tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) fará posible unha xestión sostible dos refugallos, sendo este o fin último da política ambiental no concello de Sober.
Saúdos, Departamento de Comunicación





