Baixo este eslogan, o concello de Portomarín (Lugo), da man da Sociedade Galega do Medio Ambiente, instaurou unha campaña de concienciación en materia de redución de lixo e fomento da participación veciñal no sistema de recollida selectiva. Máis aló dos conseguintes beneficios ambientais, con esta iniciativa o goberno local pretende minimizar o importe da factura que debe pagar a Sogama pola xestión e tratamento do lixo convencional (bolsa negra). Para isto, en torno a 300 fogares contarán con bolsas específicas de cores (azul, amarela e verde) ao obxecto de facilitar a correcta segregación de materiais tales como o papel/cartón, os envases lixeiros e o vidro. Ademais, medio centenar de vivendas serán dotadas cun composteiro a fin de que fabriquen o seu propio abono a partir da materia orgánica xerada, que poderán utilizar logo nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo.






