A compostaxe doméstica non é outra cousa que a reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode utilizar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Dado que na composición media do lixo preto do 50% está conformado por restos orgánicos, con esta técnica, ademais da obtención de compós, conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, xa que os concellos poderán ver reducida a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra. Asemade, trae consigo interesantes vantaxes sociais, xa que a poboación rural, cunha elevada taxa de envellecemento, non terá que depositar a diario os seus residuos nos colectores xenéricos, emprazados en moitos casos a grande distancia das vivendas.
- EXPERIENCIA NA MARIÑA LUCENSE
Púxose en marcha baixo a coordinación de Sogama en febreiro do ano 2010, nas localidades de Barreiros, Alfoz, Trabada, Lourenzá e Cervo, incorporando un total de 200 fogares. Logo da distribución dos correspondentes compostadores e da realización de cursos de formación e labores de seguimento “porta a porta”, a finais dese ano a Universidade de Santiago de Compostela analizouse o compós obtido, corroborando a súa alta calidade. - PROXECTO NOS MUNICIPIOS DE A BAÑA, GUNTÍN, PARADELA E XUNQUEIRA DE ESPADANEDO,
Incorporáronse un total de 138 vivendas: 70 na Baña (A Coruña), 28 en Guntín (Lugo), 20 en Paradela (Lugo) e 20 en Xunqueira de Espadanedo (Ourense). Sogama colabora nesta iniciativa nos ámbitos didáctico e divulgativo. - PROGRAMA NOS CONCELLOS DE PORTOMARÍN, SOBER E UNHA ASOCIACIÓN VECIÑAL DE RIBADEO. En total 100 composteiros colocados noutras tantas casas rurais, recibindo as familias participantes a correspondente formación, así como diverso material divulgativo de apoio.
- PROGRAMA NA LOCALIDADE DE CHANTADA, que conta con 50 composteiros que son supervisados periódicamente polo persoal do concello.
- PROXECTO NO MUNICIPIO DE BEGONTE, dotado igualmente con 50 composteiros. O labor a desenvolver polos fogares participantes, apoiado por manuais específicos, será obxecto dun seguimento por parte do concello.
- EXPERIENCIA NO CONCELLO DE RIVEIRA, que conta con medio centenar de composteiros. Nos labores de asesoramento veciñal e seguimento participan incluso os membros de Protección Civil.
- PROGRAMA NO CONCELLO DE VILABOA, ao que se subministrou 50 composteiros. Unidos aos 125 que xa tiña instalados, fan un total de 175 recipientes colocados noutras outras tantas vivendas.
Galería
- 1 of 2
- ››















