Actividade

Versión para impresiónSend to friendPDF version

A xestión e tratamento dos residuos urbanos producidos no territorio galego constitúe a principal actividade de Sogama. No entanto, no seu afán por contribuír ao desenvolvemento sustentable da nosa Comunidade, esta entidade coopera tamén naquelas accións orientadas cara á protección, conservación e coidado do medio ambiente no seu conxunto, así como ao benestar e mellora da calidade de vida da poboación.

Seguindo as directrices da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e, conforme ao seu obxecto social, a Sociedade ten por obxectivo prioritario o de prestarlles o mellor servizo público aos concellos, apostando, no marco da normativa europea e do Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, pola aplicación prioritaria da estratexia das tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), que complementa coa Recuperación enerxética da fracción que non pode ser reciclada outras vías. En consecuencia, a súa xestión non se limita ao ámbito industrial, prestando igualmente especial atención a outros tales como:

  • A concienciación e a divulgación ambiental, a través de campañas educativas arredor das boas prácticas na prevención, da menor produción de residuos en orixe, da recollida selectiva, do aforro enerxético, e do transporte limpo.
  • A promoción da compostaxe doméstica naqueles contornos rurais que reúnan os requisitos, facilitando con isto a reciclaxe da materia orgánica en orixe, o que derivará en importantes beneficios ambientais e económicos para os entes locais.
  • A firme aposta polo I+D+i, participando en proxectos de innovación tecnolóxica ambiental, cos que pretende sumarse ao progreso tecnolóxico e máis ao desenvolvemento económico de Galicia.
  • O fomento do transporte sustentable para os residuos urbanos, apostando polo ferrocarril, un medio máis eficiente, fiable e respectuoso co medio ambiente. De facto, a día de hoxe logrou que entre o 40 e o 45% dos refugallos que xestiona no Complexo Medioambiental de Cerceda sexan trasladados por tren.
  • A colaboración coas Universidades galegas a través da docencia en másters e cursos específicos de posgrao vinculados ao medio ambiente, acollendo  a estudantes en prácticas para complementar a súa formación académica, ao tempo que facilita a súa inserción no mercado laboral.