Incineración con recuperación de enerxía
A incineración con recuperación de enerxía xa non forma parte do debate político e ecolóxico nos países europeos máis desenvolvidos. Os seus beneficios ambientais foron recoñecidos por unha gran parte dos colectivos sociais, incluídos determinados movementos ecoloxistas como Os Verdes de Alemaña, que viron nos seus produtos finais, enerxía eléctrica e calor, o auténtico valor dos residuos que non poden ser sometidos a reciclado.
No ano 2008 foron incineradas na Unión Europea 69 millóns de toneladas de residuos urbanos (RU) en máis de 400 instalacións, proporcionando electricidade a 13 millóns de habitantes e calor a outros 12 millóns. Unha produción enerxética que foi cualificada como renovable, tanto pola Directiva de Residuos 2009/28/CE como polo novo Plan de Acción Nacional de Enerxías Renovables de España 2010-2020, e coa que se logrou substituír en Europa entre 7 e 38 millóns de toneladas de combustibles fósiles (gas natural, fuel e carbón), constituíndo asemade o tratamento finalista con menos impacto, ademais dunha ferramenta de interese na loita contra o cambio climático.
Obxecto da normativa máis rigorosa do sector industrial
Osgrupos que intentaron deostar a valorización enerxética da fracción resto tomaron como referencia as incineradoras de antano, para as que case non existían limitacións legais, nin estaban supeditadas aos rigorosos controis dos niveis de emisión, como si acontece actualmente.
Durante os últimos anos emerxeu unha estrita lexislación ambiental que pon no punto de mira ás incineradoras, aplicándolles a normativa máis estrita. Tanto é así que hoxe este tipo de plantas son, no marco do sector industrial, as máis vixiadas no aspecto medioambiental, o que garante un funcionamento totalmente respectuoso co contorno e coa saúde pública.
Isto trouxo como consecuencia que as vellas instalacións tiveron que adaptarse aos canons tecnolóxicos actuais, levando a cabo importantes investimentos para acomodarse ás novas esixencias, ás que tamén se supeditan, como non pode ser doutra forma, as de recente construción.
Así, e a pesar do empeño dalgúns por “acreditar” con métodos “científicos”, e a través de estudos deseñados ad hoc, os efectos prexudiciais das incineradoras sobre a saúde, estes no puideron ser probados. É máis, un comunicado emitido pola Comisión Europea en novembro do 2010 (Wasteincineratorhealthrisks: no evidencefortoxic metal build-up. EuropeanCommissión DG Env, 11 November 2010), recoñecía que médicos e investigadores da saúde pública non atoparan proba algunha do incremento dos niveis de metais en adultos que vivían no contorno de incineradoras recentemente construídas, logo de dous anos de funcionamento.
Neste sentido, cómpre subliñar que as emisións de dioxinas e furanos das incineradoras europeas supoñen, conforme aos inventarios nacionais, o 0,07 por cento do total de emisións destas substancias. As altas temperaturas de combustión, superiores aos 850ºC, complementadas con potentes e modernos sistemas de depuración de gases, posibilitan que todos os parámetros estean situados en valores moi inferiores aos permitidos, coa particularidade de que as plantas modernas actúan de forma global como sumidoiros de dioxinas, non como xeradoras.
Pola súa banda, a Organización Mundial da Saúde (OMS) definiu a incineración como “un método hixiénico para reducir o peso e o volume dos residuos que tamén reduce o seu potencial contaminante” e como “unha das estratexias que poden ser empregadas para asegurar que os residuos sexan manexados dunha forma ambientalmente sustentable”, concluíndo que “debido a isto, é tecnicamente posible emprazar as incineradoras preto de áreas densamente poboadas”.
Os países máis desenvolvidos, cabezas de serie en incineración
Segundo datos publicados polo Eurostat, no contorno comunitario, como media, un 23 por cento dos refugallos urbanos producidos destínanse a reciclaxe, un 17 por cento a compostaxe, un 20 por cento a incineración, e un 40 por cento a vertedoiro. Entre os países cualificados como “máis avanzados”, poderían mencionarse o caso de Dinamarca, cun índice de incineración do 54 por cento, Suecia, cun 49 por cento, Holanda, cun 39 por cento, Alemaña, cun 35 por cento, e Austria, cun 27 por cento.
A valorización enerxética creceu en Europa arredor dun 60 por cento nun período de 12 anos; no entanto, lonxe de supoñer un retroceso para a reciclaxe, como algúns apuntan, este aumentou considerablemente. Conclusión: os países máis desenvolvidos e distinguidos pola súa conciencia ambiental, son os que máis incineran, pero tamén os que máis reciclan, cunhas cotas de recuperación situadas entre o 48 e o 24 por cento. Isto posibilitou, ademais, que estes Estados conseguiran diminuír en grande medida a porcentaxe de vertido, movéndose nuns índices situados entre o 1 e o 4 por cento.
España, lonxe de seguir os pasos da meirande parte dos países europeos, incrementou en 8 kg per capita os residuos desviados a vertedoiro, pasando dos 319 kg por habitante no 1997 aos 327 no 2007. Cun 14 por cento de reciclado, un 20 por cento de compostaxe e un 9 por cento de incineración (conta con 10 plantas de valorización enerxética en funcionamento), a súa taxa de vertido encóntrase no 57 por cento. No entanto, e aínda que timidamente, a incineración subiu algún banzo durante os últimos anos, pasando dos 24 kg por habitante no 1995 aos 58 kg no 2007, o que se traduce nunha alza do 142 por cento.
A nova Directiva Marco de Residuos fixa coma obxectivo para o 2020 que o 50 por cento dos refugallos municipais sexan sometidos a reutilización e reciclaxe, debendo pasar a xestión da fracción resto pola valorización enerxética. En consecuencia, incineración, compostaxe e reciclaxe eríxense como solucións complementarias e nunca excluíntes.
Os Verdes de Alemaña, defensores da incineración
Nunha conferencia pronunciada no Congreso Nacional de Medio Ambiente 2010 (CONAMA), o Doutor Michael Weltzin, asesor científico do grupo parlamentario dos Verdes en Alemaña, que levan máis de 25 anos no Parlamento, formando parte do goberno entre 1998 e 2005, analizou no seu discurso, e polo miúdo, as alternativas existentes para a xestión dos residuos, contemplando, entre outras, o vertedoiro, a pirólise, o tratamento mecánico-biolóxico e máis a incineración.
Respecto do vertedoiro convencional, ao que cualificou como “caixa negra”, enumerou unha serie de problemas irreparables de carácter ambiental tales como a xeración de metano e doutros compostos nocivos, así como a contaminación de acuíferos subterráneos e a necesidade dunha vixilancia intensiva durante xeracións. No que atinxe ao vertedoiro con recuperación de metano, manifestou que constitúe un forma práctica aplicable só a vertedoiros antigos, permitindo recuperar como máximo un 50 por cento de gas, non resolvendo tampouco os inconvenientes das lixiviacións nin o perigo de contaminación, ao que habería que engadir os altos custes de seguridade.
Respecto doutras alternativas como a pirólise e a gasificación, apuntou que as experiencias levadas a cabo en Alemaña non tiveron o éxito desexado polos seus pobres resultados e elevados custes, mentres que o inconveniente do tratamento biolóxico-mecánico reside no escaso mercado para o produto obtido (compós), sendo necesario o depósito en vertedoiro. Unha tecnoloxía que, ao seu parecer, podería visualizarse como unha solución intermedia.
No que tinxe á incineración, confirmou que se trata dun sistema probado e contrastado durante moitos anos, salientando o seu baixísimo impacto ambiental cando se utilizan instalacións coa mellor tecnoloxía dispoñible. Expuxo, ademais, que a recuperación de electricidade e calor, así como as baixas emisións, constitúen importantes beneficios a ter en conta, coa particularidade de que, dado que a normativa obriga aos fabricantes a darlle prioridade á elaboración de produtos con baixo contido en compostos tóxicos (por exemplo, metais pesados), isto implica que as emisións nas incineradoras serán aínda máis baixas no futuro.
Como mostra da evolución tecnolóxica e da repercusión que ten na emisión de substancias nocivas, baste dicir que en Alemaña, por cada 100.000 toneladas incineradas no 1990, emitíanse 210 toneladas de óxidos nitrosos, 410 de anhídrido sulfuroso, 180 kg de cadmio, 130 kg de mercurio e 6 gramos de dioxinas. Hoxe, estas emisións reducíronse para a mesma cantidade de toneladas incineradas, quedando en 36 toneladas de óxidos nitrosos, 0,9 toneladas de anhídrido sulfuroso, 1,2 kg de cadmio, 1,2 kg de mercurio e 3 miligramos de dioxinas.
Evitar a xeración de residuos, xunto con ambiciosas cotas de reciclaxe, teñen que ser elementos fundamentais na política de residuos, aínda que non son suficientes para resolver todos os problemas relacionados cos refugallos municipais. E os que o din son Os Verdes, que nos anos 80 estaban totalmente en contra da incineración por mor das baixas esixencias respecto das emisións, en particular as dioxinas, recoñecendo, na década dos 90, que as emisións de metano dos vertedoiros constituían un serio problema sobre o quecemento global, o que os levou a aceptar na actualidade que a incineración con baixas emisións debe constituír unha parte no tratamento de residuos.
Neste escenario, e logo de numerosos estudios e investigacións na materia, cabería concluír que a incineración con recuperación de enerxía é unha forma de valorización que está integrada na xerarquía de xestión de residuos que establece o marco normativo europeo, e que comeza pola prevención, seguida da preparación para a reutilización, a reciclaxe, outro tipo de valorización, como é o caso da enerxética, sendo a eliminación a través de vertido, a opción menos desexable. Só así, di a UE, será posible garantir unha xestión sustentable que teña en conta as vertentes ambiental, económica e social.








