Nav
Sogama

Recíclate con Sogama

Versión para impresiónPDF version
Temas: Reciclaxe
Recíclate con Sogama é un programa de educación ambiental a través do cal se pretende promover a participación e implicación da comunidade educativa na correcta separación dos residuos xerados nos centros escolares, introducindo cada fracción no contedor correspondente. Para facilitar a tarefa, os centros dispoñen dunha pequena infraestrutura bautizada co nome de "illa de reciclaxe", conformada á súa vez por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, para as latas, briks e envases de plástico; azul, para o papel/cartón; e verde, para a fracción non reciclable). O habitual é que se coloquen en exteriores (pero dentro do recinto escolar), polo que os recipientes van anclados e dispoñen de sistemas antirroubo. 
Aqueles centros que contan con servizo de comedor, subminístraselles igualmente un composteiro para o depósito da materia orgánica xerada, permitíndolles así obter un abono de alta calidade que poden empregar nas súas hortas e xardíns. Con isto teñen a oportunidade de pechar o ciclo de recuperación e reciclaxe dos restos orgánicos, evitando o depósito dos mesmos nos contedores verdes convencionais.
O fin último desta iniciativa é que o alumnado, ademais de participar no sistema de recollida selectiva do centro, instaure na súa vida cotiá, e na das súas familias, a separación de lixo como un hábito máis co que contribuír ao incremento das taxas de reciclado en Galicia e, polo tanto, aos seus beneficios ambientais (aforro de enerxía e materias primas) e económicos (diminución de custos para os concellos).
O programa, que alcanza a quinta edición, estará operativo ao longo do curso académico 2016-2017 e diríxese a 19 centros escolares (públicos e concertados) de Educación Primaria.
Os recursos empregados na formación e sensibilización do público  obxectivo tradúcense en charlas informativas e formativas a cargo de educadores ambientais, cursos de formación en liña orientados ao profesorado, xestión e financiación de visitas ás instalacións de Sogama, obradoiros, xogos, subministración de carteis e folletos, vídeos, guías didácticas orientadas aos docentes, convocatoria de premios, etc. 
Para a avaliación do proxecto desenvolvido por cada centro, terase en conta, ademais dos criterios xenéricos vinculados ao Plan Proxecta, outros específicos tales como a calidade do material seleccionado en orixe e depositado en cada un dos contedores que conforman as illas de reciclaxe; realización de actividades que impliquen ás familias para estender as boas prácticas ambientais xeradas no centros; e estratexias para lograr a implicación dos concellos.

A concepción de "Recíclate con Sogama" encaixa perfectamente coas liñas estratéxicas do Plan Proxecta, toda vez que fomenta as competencias básicas nas distintas disciplinas (non debemos esquecer que o medio ambiente é un concepto transversal a todas as asignaturas). Así mesmo, promove valores básicos para unha boa convivencia: é o caso do respecto, a responsabilidade, a solidariedade, a cooperación, o traballo en equipo e o cumprimento das normas, entre outros.

Máis información en http://www.edu.xunta.gal/portal/node/6220

Convocatoria Premios Recíclate con Sogama 2016-2017 [pdf]
Recíclate con Sogama: Guía didáctica [pdf]
Recíclate con Sogama: Guía didáctica [ppt]