Saúdo do Presidente
Se ben o cometido de Sogama se circunscribe á xestión e tratamento dos residuos urbanos producidos en gran parte do territorio galego, o certo é que esta entidade é moito máis que una infraestrutura industrial, sendo precisamente a súa filosofía a que define o modelo polo que apostou esta entidade e que recolle en toda a súa amplitude o Plan Autonómico de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, enmarcado á súa vez nas directrices comunitarias na materia.
Reciclar o susceptible de ser reciclado e valorizar enerxeticamente o resto constitúe a esencia das operacións propias desta empresa, nas que se fai uso das tecnoloxías máis innovadoras para garantir a protección do medio ambiente e a saúde pública. Agora ben, nos últimos anos a Sociedade intentou orientar gran parte do seu esforzo cara á formación e concienciación da cidadanía, toda vez que precisamente nesta se concentra gran parte do éxito de calquera sistema de xestión de refugallos. Así, as políticas de prevención e redución, a reutilización e a reciclaxe pasaron a constituír as prioridades desta empresa pública, xa que, só a través da responsabilidade compartida, a súa actividade cobrará sentido: prestar o mellor servizo público co menor custe ambiental, económico e social.
A sustentabilidade non se traduce unicamente na conservación do contorno natural, senón que se erixe nunha forma de vida que defende o equilibrio medioambiental sen renunciar ao crecemento a ao desenvolvemento. Existen fórmulas para compaxinalos. Nun mundo en constante evolución, a sensatez e a racionalidade deben primar sobre a demagoxia que, en todo caso, nos levará a un camiño sen saída.
É que os residuos que chegan ás instalacións de Sogama son precisamente os producidos por máis de 2.300.000 habitantes que, de interiorizar as boas prácticas ambientais, poderían diminuír a súa xeración e propiciar a súa transformación en novos produtos, valéndose para isto de sinxelos xestos coma o consumo responsable e a activa participación nos mecanismos de recollida selectiva.
A problemática representada actualmente polo lixo, probablemente a maior de todas as ameazas medioambientais, tradúcese nunha batalla que só gañaremos dende a unidade e a colaboración, asumindo cada parte as súas obrigas e deberes; só así conseguiremos converter os refugallos que inevitablemente producimos en recursos de verdadeiro valor.
É por isto que vos invito a entrardes nesta páxina web, onde poderedes coñecer á verdadeira Sogama dende a dimensión industrial, tecnolóxica e de concienciación social, porque actuamos, traballamos e educamos en beneficio de Galicia e das súas xentes.
Luis Lamas Novo
Presidente





