A bicicleta, motor ecolóxico da mobilidade sostible

Versión para impresiónSend to friendPDF version
19.04.2017

•Coa conmemoración do Día Mundial da Bicicleta, que ten lugar hoxe, preténdese chamar a atención sobre a necesidade de promover un medio de transporte alternativo, con cero emisións, barato, saudable e divertido.

•Baixo o lema “Cidades feitas a man”, México acolle, entre o 19 e o 23 de abril, o Foro Mundial da Bicicleta, buscando propiciar unha mellora dos espazos públicos nos que prime a seguridade, a accesibilidade, a convivencia e a igualdade.

Cerceda, a 19 de abril de 2017.- Hoxe celébrase o Día Mundial da Bicicleta, unha efeméride coa que se pretende divulgar as bondades dun medio de transporte ecolóxico por excelencia, ademais de barato, saudable e sostible, toda vez que, ás súas cero emisións, habería que sumar a práctica dun excelente exercicio cardiovascular.

Pedalear só require o gasto enerxético do noso corpo, non xera ruídos molestos, contribúe a diminuír a circulación do tráfico de vehículos e, xa que logo, as emisións de CO2 á atmosfera, e axuda a reducir a nosa pegada ecolóxica, ademais de aportar boas doses de diversión.

Este ano, a sexta edición do Foro Mundial da Bicicleta celebrarase en México, entre o 19 e o 23 de abril. Concibido como o evento cidadán global por excelencia no ámbito da mobilidade sostible e impulsor da cultura do ciclismo, busca propiciar unha mellora dos espazos públicos para todos, tanto para peatóns como automobilistas e ciclistas.

Baixo o lema “Cidades feitas a man”, preténdese dar visibilidade á necesaria planificación do desenvolvemento urbán mediante o deseño de urbes nas que se prime a accesibilidade, a convivencia, a seguridade e a igualdade dos usuarios das mesmas.

A través dunha innumerable lista de actividades, incentivarase a reflexión individual e colectiva sobre a mobilidade do futuro, fomentando o intercambio de coñecementos e experiencias sobre a transformación das cidades; incidirase nas políticas públicas e normativas, fortalecendo as redes de colaboración existentes e catalizando outras novas; e evidenciaranse as oportunidades que abren novos modelos de desenvolvemento a escala local, fortalecendo o papel das expresións artísticas e culturais como ferramentas de cambio e transformación social.

Saúdos, Departamento de Comunicación