Caderno Verde, máis dun lustro ao servizo da educación ambiental en Galicia

Versión para impresiónPDF version
13.09.2017

•Con preto de 57.000 visitas e medio millón de páxinas vistas, a plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.com eríxese a día de hoxe en todo un referente pedagóxico na xestión sostible dos residuos municipais.

•O carácter transversal da mesma constitúe un dos seus principais atributos, contando con recursos a través dos cales se traballan as distintas materias obxecto de estudo nas aulas, á vez que se instrúe aos pequenos nas boas prácticas vinculadas ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

•Os amigos de Vilaverde e a familia Trebón son os personaxes de ficción que axudan aos alumnos de educación infantil e primaria a interiorizar a importancia que ten coidar o medio ambiente como garantía de futuro.

•Fichas didácticas sobre diferentes temáticas académicas, así como videocontos nos que se recrean situacións medioambientais cotiás protagonizadas polos refugallos, configuran a parte troncal dos recursos cos que conta este sitio web.

Cerceda, a 13 de setembro de 2017.- A plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde” cumpre máis de cinco anos ao servizo da educación ambiental en Galicia. Con preto de 57.000 visitas e 500.000 páxinas vistas, tense convertido en todo un referente pedagóxico para a xestión sostible dos residuos municipais.

A clave do seu éxito reside na transversalidade e a súa capacidade para incluír a xestión dos refugallos en todas as disciplinas obxecto de estudo para o alumnado de educación infantil e primaria. De aí que, a día de hoxe, se erixa nunha ferramenta de gran utilidade para profesores, alumnos e pais pola súa capacidade para contribuír á formación e concienciación de pequenos respecto dos bos hábitos vinculados ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), soporte fundamental do desenvolvemento sostible.

DIDÁCTICA

Os amigos de Vilaverde (Tomé, Mireia, Aloia, Brais, o can Cirilo e o avó Celso) son os protagonistas das distintas unidades didácticas que, periodicamente, chegan ás aulas dos centros educativos galegos para traballar distintas áreas de coñecemento.
As toneladas de residuos urbanos están presentes nas matemáticas e toman a forma de porcentaxes, fraccións e medidas de superficie e capacidade. A reutilización e a reciclaxe inclúense nas asignaturas de lingua galega e castelá a través de relatos, sopas de letras e gramática, mentres que a valorización enerxética da parte non reciclable do lixo fai acto de presenza en asignaturas como “Coñecemento do medio”, onde os escolares descobren igualmente as entrañas das máquinas, fenómenos como a luz e a electricidade, así como os pormenores dunha alimentación variada e equilibrada onde os desperdicios orgánicos non comestibles poden ser compostados.

Tamén a educación artística cobra forma a través dos refugallos mediante a fabricación de instrumentos de música co aparentemente inservible, mentres que o inglés ensáiase a través de cadernos como composting, connnectde, Go Green ou How Green is your school?

Toda unha variedade de formatos a través dos cales os alumnos aprenden contidos propios do currículum académico á vez que profundan e sensibilízanse sobre a necesidade de levar a cabo un consumo responsable, de previr e reducir a produción de lixo, de aproveitar ao máximo os produtos ata esgotar a súa vida útil e de separalos correctamente e depositalos nos distintos contedores habilitados nas vías públicas para garantir o seu posterior reciclado e, xa que logo, a súa transformación en novas materias primas, aforrando custos e reducindo a pegada ecolóxica.

E HUMOR

Os videocontos da familia Trebón, conformada por Anselmo, Carola, Lucas, o can Antenas, o gato Evaristo, Lilia e Vito, arrancan os sorrisos dos pequenos coas peripecias medioambientais dos seus personaxes e nas que reina unha gran carga pedagóxica, ensinando como aproveitar o papel, como lograr un Nadal sostible, como ir de acampada e picnic respectando a contorna, como elaborar disfraces co que nos sobra na casa, como alimentarse dunha forma racional e co menor impacto ambiental, como se ve a vida sobre unha bicicleta, como facer unha compra responsable, como aforrar enerxía e como gozar dunhas vacacións de verán sen danar os ecosistemas. Unha interminable lista de leccións en forma de aventuras e con grandes doses de diversión e entretemento.

Todos os recursos didácticos aportados a través de www.cadernoverde.com atópanse adaptados a educación infantil e os tres ciclos de educación primaria.

Saúdos, Departamento de Comunicación