Como seleccionar os residuos no modelo sogama: proporcionámosche as claves

Versión para impresiónPDF version
04.08.2017

•A colaboración cidadá resulta esencial para incrementar as taxas de reciclado. Separar os residuos e depositalos no contedor correspondente constitúe o primeiro paso para activar a cadea da reciclaxe.

•Pero a confusión e o descoñecemento poden dar lugar a erros que entorpecen o proceso. A continuación concretamos os materiais que deben e non deben depositarse en cada recipiente, propiciando ao mesmo tempo unhas sinxelas recomendacións.

Cerceda, a 4 de agosto de 2017.- A aplicación prioritaria e efectiva da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) constitúe o cimento sobre o que se asenta Sogama e cuxo modelo de xestión se complementa coa valorización enerxética da parte non reciclable dos residuos, actuación que leva a cabo desde o bo facer e a seguridade que aporta o rigoroso cumprimento da lei.

Neste marco, resulta evidente que a colaboración cidadá se torna en esencial para que a empresa poida contribuír aos obxectivos comunitarios de reciclado e dar resposta ás esixencias da economía circular, que se traducen en máis prevención, máis reciclado e menos vertido, propoñendo a Comisión Europea reducir o depósito en vertedoiro ata o 10% no horizonte do ano 2030, sendo aínda máis ambicioso o Parlamento Europeo, que formula rebaixalo ata o 5%.

Como separar os refugallos e cales depositar en cada contedor constitúe en moitos casos obxecto de confusión para os cidadáns. Co fin de axudalos nesta tarefa, que cada vez asumen de mellor grao, trasladamos a continuación uns sinxelos consellos, detallando os materiais que deben e non deben ser introducidos en cada recipiente, así como unhas pequenas orientacións e recomendacións a ter en conta.

SEPARAR, A CLAVE PARA RECICLAR

•Contedor amarelo (latas, briks e envases de plástico):

-Botellas de plástico que contiveran líquidos (aceites vexetais, refrescos, auga, leite, ….).
-Botes de plástico que contiveran produtos de aseo ou limpeza (xel de baño, champú, limpadores do fogar, suavizante, etc).
-Botes de cosméticos.
-Tubos de dentífrico.
-Bandexas de aluminio, porexpán ou cortiza branca.
-Redes de envoltorios de froitas, hortalizas e verduras.
-Plásticos filme e envoltorios de aluminio.
-Bolsas de plástico dos comercios.
-Envases plásticos de manteiga, iogur ou aperitivos.
-Latas de conservas, de bebidas e de refrescos.
-Briks de leite, batidos, viño, zumes.
-E, en xeral, todos os envases de plástico, latas e briks que leven impreso o punto verde.
Non se deben depositar neste recipiente residuos de plástico que non sexan envases (xoguetes, cepillos de dentes, rotuladores, cables eléctricos, enchufes, …), así como cueiros, restos de alimentos, papel, vidro, pilas, etc.

Recomendacións:

-Os envases deben estar baleiros antes de depositalos no contedor amarelo.
-Non se deben introducir uns dentro doutros.
-Convén pregar os envases que o permitan para que ocupen o menor espazo posible.
-Se a bolsa do lixo pesa máis do normal, faise necesario revisar o contido. Os envases lixeiros ben clasificados non deberían pesar demasiado.

•Contedor azul

-Xornais e revistas.
-Cadernos sen anelas, sen grapas e sen arames.
-Papel de envolver ou embalar.
-Caixas de cartón (de galletas, cereais, zapatos, ….).
-Envases de papel (de arroz, fariña, azucre, ….).
-Cartóns de ovos.
-Acolchado de embalaxes (cando sexa de papel ou cartón).
-Libros.
-Follas de apuntes.

Non se deben depositar neste recipiente papeis tratados-encerados, plastificados, de calco, sucios ou con restos de graxa.

Recomendacións:

-O papel e o cartón non deben conter elementos accesorios: anelas metálicas, grapas, arames, espirais, …
-É necesario dobrar e pregar as caixas e introducilas pola ranura do contedor. Se as deixamos á beira do recipiente, móllanse e contaminan, impedindo a súa posterior reciclaxe.

•Iglú verde:

-Botellas de vidro de calquera cor.
-Tarros de vidro.
-Frascos de conservas.
-Tarros de cosmética e perfumería.

Non se deben depositar neste recipiente tapas, tapóns e cortizas, así como vidros especiais (restos de cristalerías, parabrisas de coches, cristais de fiestras, espellos, etc).

•Contedor xenérico:

-Restos orgánicos (en caso de non dispoñer de composteiro).
-Cueiros, compresas.
-Papel e cartón con restos de graxa.
-Panos de papel usados.
-Lámpadas incandescentes.
-Espellos.
-Louza rota.
-Cintas de vídeo e de son.
-Disquetes e CDs.
-Bolígrafos.
-Xoguetes de plástico.

Recomendacións

-Aproveitar ao máximo os alimentos e evitar tiralos ao contedor verde convencional.
-Non introducir neste recipiente os residuos susceptibles de ser reciclados.

•Recipiente específico para pilas

-Pódese atopar en concellos, centros escolares e establecementos comerciais.

Recomendacións:

-Dá preferencia ao uso de pilas recargables, xa que non conteñen metais como mercurio e cadmio.

•Composteiro

Se se habita nunha vivenda unifamiliar con horta ou xardín, unha boa opción é facer compost coa materia orgánica, evitando que esta acabe no contedor convencional.

-Restos de comidas: froitas, verduras, cascas de ovos, arroces, pasta cocida, pan, etc.
-Restos de podas e de colleita da horta.
-Pousos de café e infusións, cinzas, serríns de madeira non tratada, papel e cartón, fibras naturais, plumas, etc
Non se deben depositar neste recipiente os excrementos de persoas ou animais, aceites vexetais e minerais, restos de plantas doentes ou con pesticidas, madeira tratada con pinturas ou vernices, produtos lácteos, peixe ou carne, medicamentos, cueiros, restos inorgánicos, plásticos, vidro, restos de aluminio, materiais que, malia ser orgánicos, conteñan sustancias contaminantes, así como papeis brillantes ou impresos con tintas de cores.

•Punto limpo:

-Residuos perigosos xerados no fogar (fluorescentes e lámpadas de baixo consumo, vernices, envases de pinturas, tóner, ….).
-Aceites vexetais usados.
-Residuos voluminosos (mobles, colchóns, …).
-Madeiras.
-Restos metálicos do fogar.
-Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), isto é, lavadoras, frigoríficos, televisores, secadores de pelo, móbiles, equipos de música, etc.
-Residuos de pequenas obras en domicilios

Recomendacións:

-Só deben depositarse neste recinto os residuos para os que estea deseñado.
-Moitos municipios dispoñen de servizo de recollida domiciliaria. É conveniente informarse.

Saúdos, Departamento de Comunicación