A dimensión pedagóxica, aspecto mellor valorado polos membros dos distintos colectivos que participaron no programa de visitas a Sogama

Versión para impresiónSend to friendPDF version
20.04.2017

•Así se desprende do informe de avaliación obtido a partir das enquisas de satisfacción que, de forma anónima e voluntaria, cumprimentaron os visitantes durante o primeiro trimestre do ano en curso para dar a coñecer o seu posicionamento sobre a actividade que esta entidade pública desenvolve en Galicia.

•A claridade e a perfecta adaptación das explicacións dispensadas polos educadores ao perfil dos distintos colectivos, representa para os cidadáns un dos principais activos de Sogama.

•Así mesmo, o alto grao de formación dos educadores (todos eles expertos en residuos), o dinamismo e as atencións dispensadas desde a vertente humana resultan relevantes para os adultos, mentres que os escolares de primaria destacan a aprendizaxe efectiva de novos conceptos e os de secundaria a rápida resolución de dúbidas.

Cerceda, a 20 de abril de 2017.- A dimensión pedagóxica constitúe o aspecto mellor valorado polas persoas que visitaron as instalacións de Sogama durante o primeiro trimestre do ano en curso. Así se desprende do informe de avaliación obtido a partir das enquisas de satisfacción que, de forma anónima e voluntaria, e en formato en liña e/ou papel, cumprimentaron os visitantes durante o primeiro trimestre do ano en curso para dar a coñecer o seu posicionamento sobre a actividade que esta entidade pública desenvolve en Galicia, encargada de xestionar os residuos urbanos que cada día producen máis de 2.260.000 habitantes.

GARANTÍA DE APRENDIZAXE

A claridade e a perfecta adaptación das explicacións dispensadas polos educadores ao perfil dos distintos colectivos, representa para os cidadáns un dos principais activos de Sogama, toda vez que desta forma garántese a correcta transmisión de coñecementos e, sobre todo, unha maior concienciación e sensibilización respecto da necesidade de xestionar os refugallos dun xeito sostible desde a dimensión ambiental, económica e social.

Das 1.500 visitas que a compañía recibiu entre xaneiro e marzo do ano en curso, un 7,5% máis que no mesmo período do ano anterior, en torno ao 48% corresponde a escolares de primaria e o 28% a estudantes de ESO, repartíndose a fracción restante entre asociacións e visitas de perfil técnico.

Tal é a acollida desta experiencia por parte dos centros educativos, que xa son moitos os que decidiron incorporala á súa planificación curricular, dados os excelentes resultados que observan nos alumnos e as bondades que representa para a súa formación cívica.

A dinamización da visita por parte dos monitores supón outro dos aspectos que reciben mellor cualificación por parte dos enquisados, xa que gaña en atractivo e en interese.

Para os visitantes adultos, tamén resulta relevante o alto grao de formación dos educadores, todos eles expertos en residuos, así como as atencións dispensadas desde a dimensión humana.

Este extremo é compartido polos escolares de primaria, que consideran igualmente as explicacións como produtivas, confirman o perfecto entendemento dos conceptos trasladados e verifican a aprendizaxe doutros novos.

Pola súa banda, os de secundaria cualifican cunha nota alta a capacidade dos monitores para resolver as súas dúbidas con rapidez e despexar o modus operandi a seguir ante hipotéticos escenarios vinculados á axeitada xestión do lixo doméstico.

EXPERIENCIA COMPARTIDA POR MÁIS DE 70.000 PERSOAS

Desde o inicio da súa actividade, a infraestrutura industrial de Sogama recibiu máis de 70.000 visitas, coincidindo todas elas, e case de forma unánime, no gran labor que esta compañía pública realiza para a protección da contorna e mellora do benestar e calidade de vida de todos os galegos.

Saúdos, Departamento de Comunicación