A educación ambiental da cidadanía constitúe a clave para a axeitada xestión dos residuos urbanos

Versión para impresiónSend to friendPDF version
26.01.2012

Hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data formalizada con motivo da Declaración de Estocolmo, en 1972, que foi gañando peso nos últimos anos.

Con esta conmemoración preténdese reforzar a concienciación da poboación en torno á importancia de preservar o contorno no que discorre a nosa vida.

O lixo, unha das principais ameazas para a integridade do medio ambiente, precisa dunha solución consensuada, corresponsable e racional porque todos, sen excepción, producimos residuos que estamos obrigados a xestionar desde o consumo prudente, o máximo aproveitamento dos produtos e a activa participación na recollida selectiva, propiciando o seu posterior reciclado.

Sogama vén a complementar o labor cidadán coa recuperación enerxética da parte non reciclable, transformándoa en electricidade.

A través de diferentes campañas educativas, esta entidade pública intenta chegar aos distintos sectores sociais a través de múltiples ferramentas didácticas e divulgativas. As súas redes sociais en Facebook, Twitter e Tuenti constitúen todo un exemplo.

Cerceda, a 26 de xaneiro de 2012- Hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, conmemoración formalizada en 1972, con motivo da Declaración de Estocolmo (Conferencia das Nacións Unidas sobre o medio ambiente humano), que foi gañando peso ano tras ano conforme foi evolucionado a sensibilización da poboación en torno á necesidade de preservar o contorno no que flúen as nosas vidas.

Unha xornada destas características pretende reforzar a conciencia, tanto nas persoas como nos gobernos, sobre a importancia de responsabilizarnos, individual e colectivamente, de conservar e protexer o medio natural, pero tamén de revertir os danos ocasionados ao longo dos séculos.

O lixo constitúe unha das principais ameazas para a integridade do medio ambiente e o noso benestar; un problema que se acrecenta cada día e ao que todos contribuímos como permanentes xeradores de refugallos, dos que nos desprendemos cada xornada a través dos servizos que nos proporcionan os nosos concellos; os residuos desaparecen visualmente do noso fogar e lugar de traballo, e o problema, aínda que só sexa aparentemente, tamén. Pero, lonxe desta primeira percepción, a crúa realidade é outra: o problema non só permanece, senón que se acrecenta, e a única solución que podemos ofrecer para solventalo é a do consenso, a corresponsabilidade, a sensatez e a racionalidade. Todos temos a nosa parte de culpa, pero nas nosas mans tamén reside parte da solución.

Así, modificar os nosos comportamentos, apostar por un consumo prudente e planificado, priorizar as compras sostibles, aproveitar ao máximo os produtos e participar activamente na segregación de residuos para propiciar o seu posterior reciclado, conforma o decálogo de pequenos xestos a través dos cales podemos encontrar grandes solucións.

O labor de empresas como Sogama complementa o traballo previo da poboación, imprescindible de cara a lograr a ansiada recuperación e a posta en valor dos desperdicios que non poden ser reciclados e que esta Sociedade logra converter, con todas as garantías medioambientais, en enerxía eléctrica.

Neste contexto, os esforzos industriais da Sociedade Galega do Medio Ambiente son evidentes e palpables, pero non menos importante é o seu labor no ámbito da concienciación cidadá, que veu reforzando durante os últimos tempos con diversas iniciativas.

UN ENFOQUE MULTIDISCIPLINAR

Consciente das necesidades que presenta cada sector poboacional, esta empresa pública preocupouse por deseñar programas específicos de formación para cada un deles. Así, vén xestando campañas educativas diferenciadas para o alumnado de primaria, secundaria e universitarios, representantes municipais, asociacións, profesionais do sector e grupos políticos, intentando dar resposta ás demandas de todos eles. Con este fin sérvese de distintas ferramentas tales como un programa de visitas ás súas instalacións, polo que xa pasaron máis de 52.000 persoas, espazos radiofónicos de corte ambiental, concursos escolares, xornadas, publicacións e un longo etcétera de actuacións que culminaron coa súa inmersión nas redes sociais, logrando que a día de hoxe os seus seguidores en Facebook, Twitter e Tuenti superen os 4.500.

Baixo o lema “Por unha Galicia sostible, educación ambiental Sogama”, a entidade quixo poñer de relevo a importancia que para ela ten a concienciación e sensibilización ambiental, pois só desde o coñecemento poderanse introducir cambios que nos guíen cara ao verdadeiro desenvolvemento sostible, un desenvolvemento que queremos para a nosa comunidade e que precisa a implicación de todos. Na educación ambiental reside a clave para conseguilo.

Saúdos, Departamento de Comunicación