Unha trintena de alumnos, acompañados polos seus profesores, desprazáronse á localidade coruñesa para “descubrir” que se fai cos residuos cando estes “aparentemente” desaparecen das súas vidas.
Baixo a tutela de educadores medioambientais, puideron realizar un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman o complexo cercedense, adentrándose no sistema de clasificación dos envases lixeiros, que Sogama remite logo aos centros recicladores, así como no proceso de fabricación do combustible obtido a partir dos refugallos non reciclables e co que a empresa obtén electricidade.
Esta visita, enmarcada no Día Mundial do Medio Ambiente, permitiu aos pequenos tomar boa nota da importancia que ten a colaboración cidadá na xestión integral do lixo a fin de diminuír a súa produción, alongar a vida útil dos produtos e participar activamente na separación dos materiais por tipoloxías, propiciando o seu posterior reciclado.
O concello, en resposta á invitación trasladada por Sogama a visitar as súas instalacións trala inminente incorporación ao programa de compostaxe doméstica impulsado pola entidade pública, decidiu que fosen as novas xeracións as que se aproveitasen desta oportunidade para complementar a súa formación.
Cerceda, a 8 de xuño de 2012.- Unha trintena de escolares do concello lucense de Quiroga desprazáronse esta mañá, acompañados polos seus profesores, á localidade de Cerceda (A Coruña) para coñecer por dentro o complexo medioambiental de Sogama; unha longa viaxe que para eles pagou a pena, tendo en conta que lles permitiu tomar conciencia do gran problema que a día de hoxe representa a xeración de residuos e da importancia que ten contar cun sistema de xestión que, como o desta empresa pública, permita tratalos en condicións axeitadas e conforme á legalidade vixente.
VISITA ENMARCADA NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
Esta visita enmárcase no programa específico deseñado por Sogama para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado o pasado 5 de xuño, e que se estenderá durante unha quincena a fin de que os municipios adscritos recentemente ao programa de compostaxe doméstica promovido por esta entidade pública, como é o caso de Quiroga, teñan a oportunidade de saber un pouco máis acerca do labor que a Sociedade Galega do Medio Ambiente leva a cabo na nosa comunidade e a gran importancia que ten a colaboración cidadá para previr e reducir a elevada xeración de desperdicios, procurando unha maior reutilización e aproveitamento dos produtos, así como unha participación activa no sistema de recollida selectiva, separando os refugallos por tipoloxías e depositándoos no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado. E é precisamente aquí onde conclúe a intervención cidadá para dar paso ás entidades que, como Sogama, se encargan do tratamento final do lixo.
Así, tralas explicacións e clarificacións recibidas á súa chegada ao complexo cercedense, os pequenos foron equipados cos dispositivos de protección individual para facer un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental. A primeira parada tivo lugar na planta de clasificación, onde se recepcionan os envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos, seleccionándoos por tipoloxías (plástico duro, fino, mixto, briks, aceiro e aluminio) para ser remitidos á industria transformadora e incorporados de novo ao ámbito comercial. Acto seguido, o grupo dirixiuse á planta que recibe a denominada bolsa negra, ou o que é o mesmo, os restos orgánicos e non reciclables acollidos nos contedores verdes convencionais. Aquí, o lixo non reciclable sepárase por tamaños e móese, acondicionando un combustible derivado de residuos (CDR) que se queima a altas temperaturas (superiores a 850ºC) nunha planta termoeléctrica para producir electricidade; un proceso que se leva cabo mediante tecnoloxías e técnicas de última xeración que permiten reducir ao máximo os niveis de contaminación, situándose todos os parámetros de emisión moi por baixo dos límites que marca a lei.
Os quirogueses puideron comprobar así que o destino da parte non reciclable dos refugallos é a súa conversión en enerxía eléctrica, unha opción pola que apostaron de cheo os países europeos máis avanzados, onde prácticamente se logrou prescindir do uso de vertedoiros polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde pública.
O CONCELLO DE QUIROGA APOSTA POLAS NOVAS XERACIÓNS
O concello de Quiroga decidiu que fosen os pequenos os que, no marco da invitación trasladada por Sogama, se desprazaran ao municipio coruñés para coñecer os pormenores da xestión desta empresa pública. O goberno local confía plenamente nas novas xeracións e no importante papel que estas poden xogar, non só no futuro, senón agora, levando a cabo unha tarefa educativa no ámbito familiar, vecinal e social máis próximo. Eles son, de facto, o motor de cambio na actitude da poboación cara aos residuos, polo que a súa formación e boa disposición desempeñan neste sentido un importante papel. A capacidade de aprendizaxe dos nenos e a súa facilidade para trasladar o aprendido axudará en gran medida a modificar os hábitos e comportamentos do resto da poboación de Quiroga, facendo posible que a localidade conte con maiores beneficios ambientais, pero tamén económicos, xa que non debe esquecerse que os ingresos recibidos dos Sistemas Integrados de Xestión serán sustanciosos cando máis material se destine aos centros reciclados e canto maior sexa a calidade deste.
Saúdos, Departamento de Comunicación






