España crece en producción ecolóxica e sitúase entre os cinco primeiros países do mundo

Versión para impresiónSend to friendPDF version
17.07.2017

•A superficie dedicada a este tipo de produtos (2.019.000 hectáreas) viuse incrementada nun 2,5% respecto ao ano 2015.

•Pola súa banda, o número de operadores aumentou nun 5,3%, chegando ata os 39.744.

•O sector está sometido a controis oficiais regulados pola normativa comunitaria, téndose realizado o pasado ano 46.632.

Cerceda, a 17 de xullo de 2017.- Tal e como manifesta o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), os datos de produción ecolóxica en España correspondentes ao ano 2016 corroboran o crecemento do sector, situando ao noso país como o primeiro da Unión Europea por superficie e entre os cinco maiores produtores a nivel mundial.

A superficie dedicada a produción ecolóxica aumentou en España un 2,5% respecto de 2015, alcanzando as case 2.019.000 hectáreas. Deste total, a metade destínase a pastos permanentes, unha cuarta parte a cultivos de terras arables e a outra cuarta parte a cultivos permanentes, destacando así mesmo a superficie cualificada en conversión, que se triplicou en relación ao ano anterior, evidenciando todo o seu potencial.

AUMENTO DA PRODUCIÓN NO CONXUNTO DOS SECTORES

Por tipos de produción, na vexetal auméntase a superficie dedicada a cereais, tubérculos, hortalizas, frutais, froitos secos, cítricos e viñedos.

Na animal, crece o número de explotacións, especialmente as de bovino de leite, que se duplican. Tamén se incrementan, aínda que en menor medida, as de bovino e ovino de carne, así como as de aves de corral, aumentando estas últimas en número de cabezas ao multiplicar por dúas as súas cifras.

E no ámbito agroalimentario, rexistráronse un 9% máis de industrias vinculadas a este sector, chegando a 5.663 as relacionadas coa produción vexetal e a 952 coa animal.

Pola súa banda, o número de operadores viuse incrementado nun 5,3%, chegando ata os 39.744, habéndose expandido en todas as súas categorías: produtores (4,4%), industriais (9%), importadores (23%), exportadores (27%) e comercializadores (17%).

CONTROIS OFICIAIS E REGULADOS

No marco do Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria, os produtos ecolóxicos están sometidos a un control oficial regulado pola normativa comunitaria que esixe realizar alomenos unha visita anual aos distintos operadores (produtores, transformadores ou comercializadores). O número de controis oficiais realizados en 2016 foi de 46.632, analizándose 4.473 mostras, das cales só o 7% tivo un resultado desfavorable.

Pola súa banda, o número de incumprimentos (irregularidades ou infracciones) ascendeu a 942, fronte aos 965 do ano 2015.

Estes datos certifican que o nivel de cumprimento é moi alto, situándose unicamente no 2% os operadores controlados con incumprimentos.

Fonte: MAPAMA

Saúdos, Departamento de Comunicación