Medio Ambiente e Sogama difunden un decálogo con dez recomendacións básicas para unha xestión sostible dos residuos en vacacións

Versión para impresiónSend to friendPDF version
17.07.2017

•Limpar os armarios e caixóns das nosas casas, e desfacernos do inservible pode ser o primeiro paso, propiciando desta forma que cada material reciba o tratamento axeitado.

•Poñer freo ao usar e tirar asociado ás comidas ao aire libre e substituír as vaixelas e cubertos de plástico pola súa versión reutilizable constitúe outra boa práctica, do mesmo xeito que a loita contra o littering ou o abandono de residuos na contorna natural, tan característico do período estival.

•Seguir colaborando co sistema de recollida selectiva e aproveitar a oportunidade que brindan as vivendas con horta e xardín para facer compost coa materia orgánica, constitúe outra magnífica opción, ao igual que a redución do desperdicio alimentario, só alcanzable coa planificación e máximo aproveitamento.

•Nada pola borda debe ser o lema para os que surcan os mares, onde a alta presenza de plásticos está a degradar os ecosistemas e ocasionando a morte a moitos animais mariños.

•As actividades de voluntariado ambiental poden supoñer un xesto solidario coa contorna, do mesmo xeito que as que se levan a cabo cos pequenos da casa para que tomen un maior contacto coa natureza e a respecten.

•Manter todas estas condutas durante o resto do ano faise necesario se queremos aportar o noso gran de area no tránsito a realizar cara á economía circular.

Cerceda, a 17 de xullo de 2017.- Se ben as vacacións de verán constitúen un magnífica ocasión para desconectar da rutina diaria e cargar pilas para o resto do ano, o certo é que esta situación de relax asociada ao período estival non debe levarnos a baixar a garda no ámbito medioambiental. É por isto que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, tendo en conta o cambio de hábitos que trae consigo a etapa vacacional, optaron por publicar conxuntamente un decálogo con dez sinxelas recomendacións para que a xestión sostible dos residuos viaxe cos cidadáns e que esta se faga efectiva en calquera parte do mundo.

LIMPEZA E ORDE
O documento comeza coa oportunidade que pode representar o dispoñer de maior tempo libre para baleirar armarios e caixóns e facer acopio do inservible, depositándoo nos puntos de recollida apropiados. Roupa e calzado que xa non usamos, aparellos eléctricos e electrónicos que xa non funcionan e un sen fin de artigos que acumulamos nas nosas casas e que poden ter unha nova vida grazas á reutilización e á reciclaxe.

Así mesmo, incídese na necesidade de poñer freo ao usar e tirar, tan habitual nos picnis, comidas na praia e merendas no campo, procurando que as vaixelas e cuberterías de plástico se substitúan pola súa versión reutilizable (louza, cristal, aceiro, …) e con longa vida.

A loita contra o littering ou abandono de residuos en contornas naturais, e que se acrecenta no verán debido a unha climatoloxía máis benévola para gozar de actividades ao aire libre, debe estar tamén moi presente, do mesmo xeito que o debe estar a recollida selectiva. A máxima de “un lugar para cada cousa e cada cousa no seu lugar” debe cumprirse a raxatabla para garantir o reciclado. Cada tipo de contedor debe acoller o residuo correspondente, propiciando desta forma a súa transformación en novas materias primas.

A autocompostaxe eríxese igualmente nunha magnífica solución para o tratamento da materia orgánica. As vivendas con xardín e horta constitúen o escenario idóneo para elaborar abono de alta calidade a partir dos residuos orgánicos e utilizalo de novo como fertilizante natural.

PLANIFICACIÓN E RESPECTO

Reducir o desperdicio alimentario configúrase como outro dos obxectivos que debe estar moi presente. Festas, comidas con amigos, o xantar no chiringuito da praia e no restaurante repítense cada día, e as sobras de comidas acaban irremediablemente no cubo do lixo. A racionalidade imponse. Elaborar unha lista previa da compra, adaptar as racións ao número de comensais, diferenciar entre data de caducidade e data consumo preferente, e aproveitar os restos para novos menús constitúen pequenos xestos que traerán consigo un gran aforro de recursos. Levar o tupper ao restaurante para as sobras non debe xerar ningunha situación incómoda nin vergonzosa. Trátase de maximizar o aproveitamento.

Nada pola borda. Este debe ser o lema para os que surcan os mares, que hoxe se teñen convertido nos grandes vertedoiros da humanidade. A elevada presenza de residuos, sobre todo de plásticos non biodegradables, están ocasionando serios danos nos ecosistemas e a fauna mariña, provocando a morte de moitos animais, que os confunden con alimento.

Tamén as vacacións poden ser un bo momento para apuntarse a actividades de voluntariado ambiental a través da colaboración na limpeza de espazos públicos e labores educativos, resultando igualmente un momento propicio para realizar actividades cos pequenos que permitan un maior contacto coa natureza, inculcándolles o respecto cara á mesma.

Pero nada destas accións terían sentido se non se estenden ao resto do ano, xa que só a través da perseveranza e a responsabilidade compartida lograrase facer fronte á problemática que representan os refugallos. O reto reside en abandonar o modo de vida lineal, caracterizado polas malas prácticas de extraer-producir-usar-tirar, e transitar cara a un circular no que os residuos se transformen en recursos.

Saúdos, Departamento de Comunicación