O colexio “Manuela Rial Mouzo” de Cee, gañador do mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe

Versión para impresiónSend to friendPDF version
19.05.2017

•O premio, outorgado no marco da campaña “Oportunidades Galicia: Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, consiste nun vale canxeable por importe de 800 euros para material didáctico e escolar.

•Pola súa banda, a alumna autora do vídeo gañador, que leva por título “Eu reciclo, e ti?”, recibirá entradas para o Parque Acuático de Cerceda (A Coruña) ou para o Parque Zoolóxico de Marcelle, en Outeiro de Rei (Lugo), a escoller.

•O obxectivo desta convocatoria non era outro que concienciar e sensibilizar á comunidade educativa en torno á necesidade de separar os residuos en orixe e depositalos nos recipientes correspondentes de cara a propiciar o seu posterior reciclado.

•O xurado, presidido pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, valorou de forma especial a frescura e o carácter ameno e divertido do traballo seleccionado, no que se identifica perfectamente o que debe e non debe ser depositado nos contedores amarelo e azul.

•Ata o pasado 30 de abril, “Oportunidades Galicia” atendeu de forma directa a máis de 70.300 persoas, estando presente en 200 centros educativos, nos que formou e instruíu a máis de 27.500 escolares.

Cerceda, a 19 de maio de 2017.- O colexio Manuela Rial Mouzo, pertencente ao concello coruñés de Cee, proclamouse vencedor do concurso correspondente ao mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe, convocado o pasado mes de xaneiro no marco da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Ecoembes e Sogama.

O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado da ESO e Bacharelato de Galicia, non era outro que concienciar e sensibilizar á comunidade educativa sobre a necesidade de separar os residuos en orixe e depositalos nos contedores correspondentes de cara a propiciar o seu posterior reciclado, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas.

Cunha duración máxima de dous minutos, os vídeos debían ser orixinais e inéditos, e facer especial fincapé na recollida selectiva dos envases lixeiros (contedor amarelo) e envases de cartón e papel (contedor azul).

O xurado, presidido pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, actuando como vicepresidenta a xerente do Departamento de Marketing de Ecoembes, Susana Revuelta, e como vogal o presidente de Sogama, Javier Domínguez, decidiron, en base ás puntuacións outorgadas por cada entidade, conceder o premio a este centro por un traballo no que, dunha forma fresca, moderna, didáctica, amena e divertida, ponse de relevo a necesidade de apostar firmemente pola reciclaxe como medida prioritaria para salvar ao mundo da contaminación, representando unha oportunidade para gozar dunha contorna máis limpa e saudable.

A alumna autora do vídeo premiado, que leva por título “Eu reciclo, e ti?”, consegue enmarcar nas imaxes seleccionadas a filosofía do concurso, deténdose en concretar e identificar o que debe e non debe ser depositado no contedor amarelo (latas, briks e envases de plástico –nunca envases que non sexan envases nin envoltorios-) e contedor azul (envases de cartón e papel –nunca papeis nin cartóns plastificados, sucios, con restos de graxa e con elementos accesorios tales como arames, grampas e argolas).

Con grandes doses de optimismo, a alumna apela, a través de estudados xestos e mensaxes contundentes, ao traballo colaborativo, á unidade e á suma de esforzos do conxunto da cidadanía para avanzar cara a un futuro máis próspero.

O centro educativo recibirá un vale canxeable por importe de 800 euros para material didáctico e escolar, mentres que a autora do vídeo galardoado será obsequiada con entradas para o Parque Acuático de Cerceda (A Coruña) ou para o Parque Zoolóxico de Marcelle, en Outeiro de Rei (Lugo).

MÁIS DE 70.300 PERSOAS FORMADAS

Oportunidades Galicia é unha campaña itinerante que ten por obxecto incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e alcanzar así importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Aulas móbiles, carpas informativas, inchables, trailers, charlas, stands, etc, constitúen, entre outros, algúns dos elementos que se veñen utilizando desde agosto de 2016 para que cada vez sexan máis os cidadáns que participen activamente no sistema de recollida selectiva de residuos.

Ata o pasado 30 de abril, a campaña conseguiu chegar de forma directa a máis de 70.300 persoas, informándoas, formándoas e sensibilizándoas na correcta xestión dos residuos urbanos, estando presente en preto de 200 centros educativos, nos que atendeu aproximadamente a 27.500 escolares.

Máis información en www.oportunidadesparareciclar.gal.

Saúdos, Departamento de Comunicación