O concello de Redondela, próximo destino da campaña autonómica da reciclaxe

Versión para impresiónSend to friendPDF version
20.04.2017

•A aula móbil de “Oportunidades Galicia” chegará mañá, día 21, a esta localidade pontevedresa, situándose, entre as 10:30 e as 14:00 horas na Praza do Concello.

•Liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a campaña conta co apoio de Ecoembes e Sogama.

•O obxectivo da mesma é que a poboación incorpore aos seus hábitos diarios pequenos xestos que permitan minimizar a produción de residuos, aproveitar ao máximo os produtos e separalos por tipoloxías para propiciar o seu reciclado.

•Abandonar a economía lineal e avanzar cara a unha circular constitúe nestes momentos o gran reto, sendo a xestión sostible dos residuos urbanos unha das medidas claves para iso.

Cerceda, a 20 de abril de 2017.- A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” chegará mañá, día 21, ao municipio de Redondela (Pontevedra) para informar, formar e concienciar aos veciños de cara a unha maior implicación na xestión sostible dos residuos urbanos, e farao a través dunha aula móbil, que se situará na Praza do Concello, entre as 10:30 e as 14:00 horas.

O obxectivo é que a poboación incorpore aos seus hábitos diarios pequenos xestos que permitan minimizar a produción de residuos, aproveitar ao máximo os produtos e separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en residuos, para propiciar o seu reciclado e, xa que logo, o aforro de enerxía e materias primas.

A clave reside nos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), ás que o modelo Sogama incorpora un cuarto erre, o de Recuperación Enerxética da fracción non reciclable, impedindo así que esta acabe depositada no vertedoiro, co conseguinte impacto negativo sobre o medio ambiente e a saúde.

Segregar correctamente os residuos e depositalos nos contedores adecuados constitúe unha das principais asignaturas pendentes, dada a confusión existente en torno a determinados materiais e recipientes. É por iso que educadores especializados explicarán, a través desta aula educativa, que o amarelo acolle unicamente latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); que o azul se reserva para os envases de cartón e papel (nunca cartóns e papeis sucios, plastificados e con restos de graxa); que o iglú verde destínase a recoller envases de vidro (sen tapas, tapóns nin cortizas); que hai un recipiente específico para pilas; e que no contedor verde convencional debe introducirse a fracción non reciclable.

Tamén se falará de compostaxe doméstica, tendo en conta que o concello de Redondela atópase adscrito ao programa de Sogama e mediante o cal xa implantou nun bo número de vivendas unifamiliares a fin de lograr os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.

Ademais de todo iso, na cita de mañá, os redondeláns terán ocasión de consultar todas as súas dúbidas e ata de trasladar os seus comentarios e observacións, podendo deixar constancia dos mesmos a través de enquisas de coñecementos e satisfacción.

Os que se acheguen a este punto formativo, serán obsequiados igualmente con diverso material divulgativo e de merchandising.

CARA A UNHA ECONOMÍA CIRCULAR

Oportunidades Galicia é unha iniciativa que lidera a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e na que colabora Ecoembes e Sogama, tendo como principal obxectivo incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e articular as medidas que lle permitan avanzar cara ao único modelo de desenvolvemento posible, o da economía circular, abandonando as nocivas prácticas de producir-usar e tirar, propias da economía lineal, e apostando de cheo polo desenvolvemento de accións que permitan frear o excerbado consumo dos xa limitados recursos naturais.

Máis información en www.oportunidadesparareciclar.gal.

Saúdos, Departamento de Comunicación