O Máster en Enxeñaría Ambiental da USC revalida a súa primeira posición no Top-5 do ránking publicado polo diario El Mundo

Versión para impresiónPDF version
19.06.2017

•Coordinado polo Subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Francisco Omil, foi examinado, xunto con outros 249 másters, a través de 25 criterios vinculados, entre outros aspectos, ao prestixio dos docentes, á atención titorial, ás instalacións e ás prácticas en empresas.

•Na avaliación do conxunto dos másters participaron 750 colaboradores, entre expertos, profesores, alumnos, exalumnos e empresas.

•O cometido do Máster da USC, enmarcado dentro do Espazo Europeo de Educación Superior como de perfil profesional, é formar aos alumnos no ámbito da sostibilidade no seu conxunto, prestando especial atención á prevención de danos ambientais.

Cerceda, a 19 de xuño de 2017.- O Máster en Enxeñaría Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, que coordina o Subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Francisco Omil, revalida a súa primeira posición, tras tres anos consecutivos, no Top- 5 do Ránking 250 Másters publicado polo diario El Mundo. Un merecido primeiro posto avalado, entre outros aspectos, polo alto nivel docente e a gran calidade das instalacións a escala industrial que a institución pon a disposición do alumnado.

O máster foi examinado con lupa no marco dun total de 25 criterios nos que se avaliaron, entre outros aspectos, a demanda e entidades colaboradoras; os recursos humanos asignados, incluíndo, non só o prestixio do profesorado, senón tamén a innovación, a metodoloxía e a atención titorial mediante actividades de orientación personalizadas dirixidas a prestar apoio e asesoramento aos estudantes; o plan de estudos, atendendo ao programa académico e á posibilidade de facer prácticas en empresas; os resultados, tanto desde a dimensión da inserción laboral como da taxa de éxito; e os medios materiais postos a disposición dos usuarios, podendo destacar o emprego das novas tecnoloxías, así como o acceso a laboratorios e espazos especializados.

Na avaliación dos 250 másters participaron 750 colaboradores, entre expertos, profesores, alumnos, exalumnos e empresas.

FORMACIÓN AMBIENTAL INTEGRAL

A misión do Máster da USC, enmarcado dentro do Espazo Europeo de Educación Superior como de perfil profesional, é formar aos alumnos na prevención de danos ambientais, na protección da contorna e na calidade ambiental en materias como a auga, o solo, os residuos e o aire. Con isto logran adquirir múltiples competencias na área da sostibilidade e a xestión eficiente dos recursos e a enerxía, permitíndolles desempeñar postos de diversa índole asociados tanto á investigación como á administración ou ao sector privado.

As prácticas externas constitúen un activo importante pola oportunidade que ofrecen para o deseño ecolóxico de procesos e produtos, a planificación de sistemas naturais e a xestión de tecnoloxías limpas.

Ademais de todo isto, contémplase igualmente un traballo de fin de máster no que o alumnado aplicará os coñecementos adquiridos a unha problemática de enxeñaría ambiental como exemplo dunha actividade profesional, científica, técnica ou de xestión.

Saúdos, Departamento de Comunicación