O Presidente de Sogama recolle en Madrid o Premio "El Suplemento"

Versión para impresiónPDF version
09.05.2016

•O galardón recoñece o magnífico labor da empresa na categoría de xestión ambiental e enxalza o seu bo facer, tanto desde a dimensión industrial como económica e social.

•Javier Domínguez considera que este premio pon o “broche a un ano redondo (2015)”, período no que a empresa acadou máximos históricos de eficiencia, toda vez que, tomando como referencia o 2008, tratou case un 28% máis de residuos no seu complexo, reduciu nun 55% o uso do vertedoiro e incrementou a produción de enerxía en preto dun 30%.

•Son moitas as razóns polas cales o xurado decidiu outorgar este premio á compañía pública e que, en todo caso, veñen a avalar o que podería cualificarse como “excelente xestión empresarial”, caracterizada en todas as súas facetas pola sostibilidade.

•No transcurso do seu discurso, o máximo responsable de Sogama tivo palabras de agradecemento para os accionistas (Xunta de Galicia e Grupo Gas Natural), para a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para o Director Xeral da empresa, Isidro García Téllez, e para os traballadores.

• Consciente de que aínda queda moito traballo por facer e moitos proxectos por desenvolver, anunciou que Sogama aborda unha etapa de expansión caracterizada por novos horizontes e novos retos, mostrándose convencido de que o traballo ben feito, responsable e rigoroso terá a súa recompensa: un futuro esperanzador para a nosa Comunidade.

Cerceda, a 9 de maio de 2016.- O Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, recolleu o pasado venres en Madrid, no marco da V Gala Nacional de Premios El Suplemento, o galardón correspondente á categoría de xestión medioambiental; unha distinción coa que se recoñece o bo facer da empresa, tanto desde a dimensión industrial como económica e social.

O máximo responsable da entidade pública considera que este premio pon o “broche a un ano redondo” (2015), toda vez que a compañía acadou durante o mesmo máximos históricos de eficiencia. Isto traduciuse, tomando como referencia o 2008, nun incremento do tratamento de residuos no complexo medioambiental de Cerceda de case un 28%; nunha redución do uso do vertedoiro de Areosa nun 55%; e nunha maior produción enerxética, cuantificada en preto do 30%. De feito, a xeración de electricidade por parte de Sogama equivale ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.

Esta distinción únese á recibida o ano pasado baixo a denominación “Premio Cantábrico Excelente 2015” e que veu poñer de relevo as bondades do sistema Sogama para a xestión dos refugallos producidos na meirande parte do territorio galego.

Nesta ocasión, o xurado enxalzou a solidez e eficiencia do seu modelo, a súa decidida aposta por a mellora medioambiental e a redución do impacto da actividade industrial sobre a contorna, o continuo traballo na innovación e optimización dos procesos, a toma de decisións responsable a todos os niveis, o seu destacado labor no ámbito da concienciación ambiental da poboación, as súas estratexias de control continuo, o estrito cumprimento da lexislación vixente na materia e, en definitiva, a súa excelente xestión empresarial, caracterizada en todas as súas facetas pola sostibilidade.

UN FUTURO ESPERANZADOR

Pero os proxectos de futuro da empresa tamén tiveron un importante peso neste recoñecemento. Así, coa posta en marcha dunha planta específica para a recuperación dos envases (de plástico e papel/cartón) contidos no lixo en masa, Sogama logrará ampliar a capacidade do seu complexo industrial nun mínimo do 36%, pasando das 550.000 toneladas/ano nominais ás 750.000. Isto permitiralle, ademais, incrementar a súa achega á reciclaxe nun 30% e diminuír o vertido en idéntica proporción.

Así mesmo, construirá unha planta de compostaxe, que se emprazará no vertedoiro de Areosa, e deseñada para procesar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica, que en todo caso procederá de grandes produtores tales como centros comerciais, hospitais, mercados e cárceres, entre outros, para a súa conversión en compost.

E, malia que ambas actuacións requirirán dun investimento aproximado de 35 millóns de euros, a empresa decidiu manter o canon aos concellos nos mesmos termos do 2015 (67,18 euros + IVE por tonelada de lixo).

No transcurso do seu discurso, Javier Domínguez tivo palabras de agradecemento para os accionistas (Xunta de Galicia e Grupo Gas Natural), para a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para o Director Xeral de Sogama, Isidro García, e para todos os traballadores da empresa.

Consciente de que aínda queda moito traballo por facer e moitos proxectos por desenvolver, asegurou que este tipo de recoñecementos alentan o esforzo a realizar; un esforzo que ten a Galicia como obxectivo prioritario, sendo o benestar, a saúde e a calidade de vida dos cidadáns os seus principais estímulos.

Sogama abre así unha etapa de expansión caracterizada por novos horizontes e novos retos, convencida de que o traballo ben feito, responsable e rigoroso terá o seu recompensa: un futuro esperanzador para a nosa Comunidade.

Saúdos, Departamento de Comunicación