Os educadores, principal activo do programa de visitas a Sogama

Versión para impresiónPDF version
04.08.2017

•Os seus elevados coñecementos na materia, capacidade pedagóxica, alto grao de implicación, adaptación ao perfil dos grupos e trato dispensado son algúns dos aspectos mellor valorados polos visitantes, do mesmo xeito que os recursos didácticos, divulgativos e lúdicos que acompañan as explicacións proporcionadas polos mesmos.

•Trala habitual sesión teórica, os integrantes dos distintos grupos sociais interesados en comprobar a actividade de Sogama, efectúan un percorrido guiado polas instalacións da entidade, culminando este cun coloquio no que expoñen os seus comentarios, consultan dúbidas e comparten experiencias.

•Nos últimos anos, máis de 71.500 persoas pasaron pola infraestrutura industrial da Sociedade pública, considerando máis do 95% que esta leva a cabo unha tarefa fundamental para a protección do medio ambiente galego.

Cerceda, a 4 de agosto de 2017.- Os resultados da últimas enquisas, voluntarias e anónimas, cumprimentadas polas persoas que visitaron as instalacións de Sogama sinalan de novo aos educadores como principal activo do programa de visitas a Sogama, sendo os seus elevados coñecementos na materia, capacidade pedagóxica, alto grao de implicación, adaptación ao perfil dos grupos e trato dispensado, algúns dos aspectos mellor valorados, chegando a alcanzar en determinados supostos a máxima puntuación.

Non hai excepción. Tantos os colectivos escolares como técnicos e sociais mostran abertamente a súa satisfacción co alto nivel profesional evidenciado polos monitores ao servizo de Sogama, así como a súa dimensión humana á hora de atender a grupos de características especiais e con determinadas limitacións físicas ou intelectuais.

Os recursos didácticos e divulgativos que acompañan o programa de visitas constitúen tamén outra das cuestións que obteñen unha boa cualificación e que, en todo caso, veñen a complementar as explicacións dispensadas a fin de posibilitar unha mellor aprendizaxe. As sesións dirixidas aos máis pequenos nútrense con distintos xogos a fin de impregnalas de diversión e entretemento, logrando deste xeito unha mellor asimilación de conceptos.

PRÁCTICA CUNHA SÓLIDA BASE TEÓRICA

Culminada a fase teórica, á que se dota sempre dun gran dinamismo grazas ao traballo de interacción dos educadores e á súa empatía co público, chega o apartado práctico, que sempre xera unha maior expectación.

Tras ser equipados cos elementos de protección individual, maiores e pequenos realizan un percorrido guiado polas dependencias de Sogama, variando este en función do seu perfil e nivel educativo.

Polo xeral, o percorrido arranca na planta de clasificación, onde se recibe a bolsa amarela, cuxos materiais (latas, briks e envases de plástico) son seleccionados de forma automática a través de electroimáns, campás aspiradoras, lectores ópticos e correntes de Foucault, entre outros mecanismos, sendo prensado e embalados para remitilos aos centros de reciclado. O traxecto continúa pola planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, a onde chega a bolsa negra (fracción resto), separando a parte susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio e vidro) e acondicionando co resto un combustible CDR que se valoriza enerxeticamente para producir electricidade, podendo abastecer coa mesma ao 12% dos fogares galegos.

Concluído o itinerario, ten lugar un coloquio no que os interesados formulan preguntas, consultan dúbidas, expoñen os seus comentarios e observacións e, o máis importante, procédese ao intercambio de experiencias en aras dunha mellor xestión dos residuos, tanto a nivel individual como colectivo.

Nos últimos anos, máis de 71.500 persoas visitaronon as instalacións de Sogama, das cañes máis do 95% considera que esta empresa pública leva a cabo un labor fundamental para a protección do medio ambiente galego.

Saúdos, Departamento de Comunicación