Os tres erres guían a estratexia de educación medioambiental no colexio ourensán de Vilar de Barrio

Versión para impresiónSend to friendPDF version
19.06.2017

•É un dos 19 centros de Galicia que participou no programa “Recíclate con Sogama”, enmarcado á súa vez no Plan Proxecta da Xunta de Galicia.

•Ao longo do curso académico 2016-2017, o colexio levou a cabo diversas actividades orientadas a promover o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), e non só no ámbito escolar, senón tamén en diferentes puntos do municipio, sendo a súa máxima a xestión sostible dos residuos urbanos.

•Para levar a cabo o seu proxecto contaron co apoio de Sogama e, para compensar o seu esforzo e dedicación, a semana pasada visitaron o seu complexo medioambiental de Cerceda.

Cerceda, a 19 de maio de 2017.- Baixo o lema “En Vilar de Barrio RRR”, o CEIP Plurilingüe deste concello ourensán foi un dos 19 centros de primaria de Galicia que, durante o curso académico 2016-2017, participou no programa educativo “Recíclate con Sogama”, enmarcado á súa vez no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, cuxo principal obxectivo a educación en valores. E fíxoo promovendo, con diferentes actividades, a práctica diaria dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), tanto na propia escola como en diferentes puntos do seu municipio, propiciando para isto que cada vez sexan máis os veciños que aposten por introducir a sostibilidade na xestión dos residuos urbanos que cada día producen nos seus fogares, nos seus centros de traballo e nos seus momentos de lecer.

VISITA GUIADA AO COMPLEXO MEDIOAMBIENTAL DE CERCEDA

Para compensar o seu esforzo e dedicación, a semana pasada tiveron a oportunidade de viaxar ata Cerceda (A Coruña) para ver as instalacións de Sogama e comprobar por si mesmos O que sucede co lixo despois de que este se deposite no recipiente correspondente.

No caso dos contedores azul (papel/cartón), iglú verde (envases de vidro) e específico para pilas, o tratamento destas fraccións lévase a cabo a través de xestores autorizados, pero os materiais a introducir no contedor amarelo (latas, briks e envases de plástico) e verde convencional (fracción resto) chegan á infraestrutura central de Sogama tralo seu paso polas correspondentes plantas de transferencia, transportándose, nas mellores condicións, por estrada ou tren.

Respecto da bolsa amarela, os pequenos puideron comprobar que os envases que forman parte da mesma sepáranse nunha planta de clasificación mediante sistemas tales como electroimáns, correntes de Foucault, lectores ópticos e campás aspiradoras para ser remitidos aos correspondentes centros de reciclado.

En canto á bolsa negra (fracción resto), da mesma extráese aquela parte do lixo susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio e vidro), acondicionando co resto un combustible derivado de residuos (CDR) que é valorizado nunha planta termoeléctrica para producir electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos. Un proceso que se leva a cabo dunha forma limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde, constituíndo boa proba disto as baixas emisións, situadas todas elas moi por baixo dos límites legais.

MEDIOS DE APOIO

Para que o colexio de Vilar de Barrio puidese levar a cabo o seu labor, contou en todo momento co apoio de Sogama, quen lle subministrou diferentes medios materiais (como é o caso dos contedores de recollida selectiva) e divulgativos (presentacións, guías didácticas, vídeos, xogos, folletos, carteis, etc) aos que, sen dúbida, sacaron bo provecho.

Saúdos, Departamento de Comunicación