“Pedalear tamén conleva un gran beneficio para o medio ambiente”

Versión para impresiónSend to friendPDF version
19.07.2012

•Sogama decidiu apoiar, a través da achega de diverso material divulgativo e de merchandising, a celebración do Día da Bicicleta en diversas localidades da comarca de Bergantiños.

•Aínda que son sobradamente coñecidos os efectos beneficiosos do velocípedo para a saúde e as relacións sociais, o presidente de Sogama, Luís Lamas, insiste nas súas vantaxes para a integridade do contorno, con cero emisións, así como para a economía dos nosos petos, xa que o custo dunha bici e o seu mantemento é moito menor que o dun automóbil.

•Lamas está convencido de que urxe apostar por un cambio cultural na mobilidade, promovendo un uso racional do transporte e fomentando o cambio de hábitos e actitudes persoais cara ao mesmo.

Cerceda, a 19 de xullo de 2012.- Sogama decidiu apoiar, a través da achega de diverso material divulgativo e de merchandising, a celebración do Día da Bicicleta en diversas localidades da comarca de Bergantiños. Tal é o caso da xornada convocada para este domingo, 22 de xullo, en Cee, ou as próximas citas, que se levarán a cabo en Ponteceso e A Laracha.

Os expertos coinciden en sinalar as vantaxes que este deporte ten para a saúde coronaria e muscular, pero tamén para traballar a resistencia e ata para combater males tan comúns na actualidade como son a ansiedade, a depresión e o estrés, permitindo axustar a intensidade do exercicio ás posibilidades de cada persoa.

Así mesmo, a diversión, o lecer e o entretenemento son outras das razóns polas que a poboación se apunta a unha disciplina que non entende de idades e que ata pode ser compartida de forma simultánea por varias xeracións, fomentando e afianzando as relacións sociais, de gran importancia sobre todo en casos de discapacidades físicas ou psíquicas, xa que contribúe a aumentar a autonomía.

O presidente de Sogama, Luís Lamas, afeccionado á bicicleta, teno claro, porque, tal e como manifesta, “máis aló de ser unha actividade divertida e saudable, non debemos esquecer que trae consigo importantes beneficios para o coidado do contorno”. Non obstante, tamén, e xa desde unha visión máis persoal, demanda respecto aos ciclistas por parte dos condutores de automóbiles, recordando a necesidade dun estrito cumprimento das normas de tráfico por ambas partes, evitando con isto imprudencias que poidan dar lugar a danos irreparables.

CONTAMINACIÓN CERO E BAIXOS CUSTOS

Pero, á marxe deste extremo, Lamas destaca a ausencia de contaminación derivada do velocípedo, xa que non utiliza combustibles fósiles, limitándose a aproveitar a enerxía xerada polo movemento dos nosos pés no pedal. “É un medio ideal para traxectos curtos, coa particularidade de que contribúe a desconxestionar o tráfico, xa que ocupa pouco espazo, e a minimizar o ruído”, subliña.

Así se recolle no Libro Verde da Comisión das Comunidades Europeas, onde se precisa que a circulación de vehículos motorizados é a causa do 40 por cento das emisións de CO2 e do 70 por cento das emisións doutros contaminantes, polo que é importante promover modos de vida menos dependentes do automóbil. Así mesmo, no documento engádese que naqueles casos nos que non se poida prescindir deste, é conveniente apostar polos vehículos compartidos e aqueles que sexan máis limpos e eficientes, priorizando a utilización de combustibles alternativos e reforzando a condución ecolóxica (xa existen cursos específicos impartidos con este fin; é o caso, por exemplo, dos organizados pola Axencia Enerxética Provincial da Coruña –FAEPAC- da que Sogama forma parte en calidade de patrono).

Tampouco debe esquecerse o menor custo medioambiental que, respecto dos vehículos a motor, entraña a fabricación da bicicleta, e máis na actualidade, onde a comercialización de bicis ecolóxicas está en pleno auxe.

Xa máis en liña co cometido de Sogama, o seu máximo responsable tamén apunta que ao velocípedo pode ser perfectamente aplicable o principio comunitario que debe rexer toda xestión de residuos e que vén definido polos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), xa que á baixa xeración de refugallos que entraña este medio habería que engadir, na maioría das ocasións, as sinxelas reparacións en caso de averías, o que fai posible o alongamento da súa vida útil.

Outra das propiedades que deben terse moi presente no momento coxuntural de crise económica que nos toca padecer, é o seu menor impacto sobre as economías familiares, xa que o custo de adquisición dunha bicicleta, así como o de mantemento, é moi inferior ao dun automóbil.

En consecuencia, Luís Lamas está convencido de que urxe apostar por un cambio cultural na mobilidade, promovendo un uso racional do transporte e fomentando o cambio de hábitos e actitudes cara ao mesmo.

Saúdos, Departamento de Comunicación