Portavoces de distintos concellos do sur da provincia de Lugo viaxan a Cerceda para participar nun curso de formación

Versión para impresiónSend to friendPDF version
09.03.2012

O obxectivo da xornada non era outro que o de expoñerlles os pormenores da xestión dos residuos urbanos, orientándoos sobre as medidas a adoptar para que esta sexa máis eficaz, eficiente e rendible.

Neste contexto, enxalzouse a gran importancia da colaboración cidadá a través da práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o que permitirá minorar a cantidade de lixo a entregar a Sogama e, en consecuencia, diminuír o importe das facturas que os entes locais deben abonar a esta empresa pública.

Os integrantes do grupo tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo cercedense, onde puideron comprobar o proceso de xestión e tratamento dos residuos procedentes da recollida dos contedores amarelos e verdes convencionais.

A información trasladada, xunto co material didáctico de reforzo a proporcionar por esta empresa pública, permitirá aos representantes municipais contar coa bagaxe e as ferramentas divulgativas necesarias para levar a cabo unha campaña informativa no seu contorno máis inmediato, dando a coñecer os beneficios ambientais e económicos que trae consigo a correcta xestión dos refugallos.

Cerceda, a 9 de marzode 2012- Representantes de distintos concellos do sur da provincia de Lugo, entre eles Pantón, O Saviñao e Sober, viaxaron esta mañá a Cerceda (A Coruña) para participar nun curso de formación a través do cal Sogama pretendía dar traslado dos pormenores da xestión dos residuos urbanos, tendo en conta o marco normativo de referencia, o cometido desta empresa pública e a importancia da educación ambiental da poboación.

A entidade insistiu na necesidade de promover a colaboración da cidadanía, xa que sobre esta se asenta o éxito de todo sistema de xestión de refugallos, debendo comezar coa aplicación prioritaria do principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Dado que cada localidade ten a súa propia idiosincrasia e particularidades, faise preciso que os concellos adapten ás características do seu vecindario as distintas campañas informativas que Sogama promove a nivel de masas, pois só así se garantirá o éxito das mesmas.

Neste sentido, e co obxectivo de que os portavoces locais dispoñan da bagaxe necesaria que lles permita levar a cabo unha tarefa pedagóxica no seu contorno máis inmediato, técnicos de Sogama foron os encargados de proporcionar as explicacións sobre a problemática que a día de hoxe representa a alta xeración de lixo, o custo da súa xestión e a necesidade de comunicar aos distintos sectores sociais a importancia de levar a cabo un consumo responsable, propiciando o alongamento da vida útil dos produtos, así como a activa participación da poboación nos mecanismos da recollida selectiva, pois só segregando axeitadamente as distintas fraccións de residuos, estas poderán ser recicladas, contribuíndo ao aforro de enerxía e de materias primas.

DIRECTRICES EUROPEAS

A Unión Europea recoñece que os tres erres non resultan suficientes por si sos para dar un tratamento axeitado á totalidade dos desperdicios producidos nos fogares, debendo contemplar a valorización enerxética da parte non reciclable.

Tal e como se recolle no plan galego de xestión de residuos urbanos para o período 2010-2020, os retos aos que se enfronta a nosa comunidade virían definidos pola redución, nun 10 por cento, do lixo producido, o incremento das taxas de reciclado, pasando do 10 por cento actual ao 30 por cento, e a redución do depósito en vertedoiro, baixando do 53 ao 24 por cento, o que implica desviar a vertido tan só a parte que non pode ser sometida a ningún tratamento previo.

A incineración con recuperación de enerxía atópase plenamente asentada nos países europeos máis desenvolvidos e sensibilizados co medio ambiente. É o caso de Dinamarca, Austria, Alemaña, Suecia, Noruega e Holanda, que destinan a reciclaxe entre o 30 e o 48 por cento dos residuos e a valorización enerxética a mesma porcentaxe, o que lles permitiu chegar a uns índices de vertido inferiores ao 5 por cento. Pola contra, en España, con tan só o 15 por cento de reciclado e o 9 por cento de incineración, verte o 52 por cento do lixo, co consiguiente risco para o medio natural e a saúde das persoas.

Reciclaxe e valorización enerxética constitúen, polo tanto, sistemas complementarios que deben ser tidos moi en conta nas políticas medioambientais de cara a garantir unha xestión eficaz e eficiente do noso lixo.

TRANSPARENCIA

Os representantes dos distintos concellos invitados á xornada de hoxe tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental cercedense. Tras unha primeira parada na planta de clasificación de envases, onde se seleccionan de forma automática os materiais depositados pola cidadanía nos contedores amarelos, preparándoos para ser remitidos á industria transformadora, o grupo adentrouse no circuíto que seguen os desperdicios non reciclables recollidos a través dos recipientes verdes convencionais e a partir dos cales prepárase un combustible derivado de residuos (CDR) que abastece unha planta termoeléctrica para producir electricidade, contando para isto cos máis modernos sistemas de depuración de gases.

Tamén se lles trasladou que, dada a sobresaturación que está a sufrir o complexo de Sogama, cunha capacidade máxima para procesar 550.000 toneladas anuais de refugallos e unha recepción superior ás 800.000, a Sociedade vese obrigada a botar man do vertedoiro controlado de Areosa (en Cerceda), facéndose preciso e aconsellable contar con novas infraestruturas industriais que, tal e como recolle o novo plan, estarían conformadas por un complexo medioambiental, a ubicar no sur, e oito plantas comarcais de compostaxe.

BENEFICIOS

Máis aló dos beneficios ambientais que entraña para os concellos a súa activa implicación na estratexia comunitaria dos tres erres, estas traerán consigo importantes vantaxes económicas para as arcas locais. E é que, cantos menos refugallos entreguen a Sogama, menor será o importe da factura mensual que deben pagar a esta entidade pública, e canto maiores sexan as cantidades de materiais destinadas a reciclaxe, maiores serán tamén os ingresos que percibirán por parte dos Sistemas Integrados de Xestión.

Para que isto sexa posible, a cooperación veciñal resulta esencial. É por isto que, máis aló desta sesión formativa, Sogama proporcionará aos concellos diverso material didáctico e divulgativo co que reforzar o labor educativo que estes leven a cabo.

Saúdos, Departamento de Comunicación