A reciclaxe intelixente dos refugallos electrónicos resultará clave para a sostibilidade mundial

Versión para impresiónPDF version
13.09.2017

•Cada ano, a industria tecnolóxica xera ata 41 millóns de toneladas destes residuos, unha cifra que podería chegar ata os 50 millóns debido ao incremento do número de consumidores destes dispositivos e a diminución da súa vida útil por unha demanda de actualización permanente.

•ONU Medio Ambiente alerta sobre a aínda inaxeitada xestión dos seus compoñentes, sobre todo en países en desenvolvemento, así como a baixa recuperación dos materiais valiosos contidos nestes refugallos, urxindo á necesidade de incrementar a súa reciclaxe, o que traería consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

•As alianzas están crecendo, o que fai augurar un bo futuro para a correcta xestión dos RAEEs, conforme aos preceptos da economía circular.

Cerceda, a 13 de setembro de 2017.- Resulta evidente que, na era da innovación e as comunicacións dixitais, a produción de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs) está crecendo de forma expoñencial e alarmante. Cada ano, a industria tecnolóxica xera ata 41 millóns de toneladas destes refugallos, unha cifra que podería chegar ata os 50 millóns debido ao incremento do número de consumidores destes dispositivos e a diminución da súa vida útil por unha demanda de actualización permanente.

Estes residuos, aparentemente inofensivos, adoitan conter elementos perigosos que, se non se xestionan axeitadamente, constitúen unha importante fonte de contaminación. Pero tamén é certo que son moitos os compoñentes valiosos que albergan os aparellos eléctricos e electrónicos e que, a través da reciclaxe, poderían ser utilizados como materia prima para a fabricación de novos produtos. O caso máis paradigmático son os metais, altamente cobizados no mercado negro e de contrabando, e que son subtraídos sen control, arroxando á contorna aqueles elementos inservibles altamente perigosos para a saúde pública.

Só respectando a normativa vixente poderá levarse a cabo unha reciclaxe correcta e aproveitar así os recursos contidos nestes materiais.

BUSCANDO ALIANZAS

ONU Medio Ambiente advirte que a recuperación efectiva continua a ser aínda moi baixa. Segundo as investigacións do Panel Internacional de Recursos (IRP), de 60 metais estudados, só un terzo ten unha taxa de reciclaxe que supera o 50% e ese indicador é inferior ao 1% no caso de 34 elementos.

Christian Nellemann, Xefe da Unidade de Resposta Rápida do Centro Noruego de Análises Globais e autor dun recente informe para a ONU Medio Ambiente sobre residuos electrónicos, manifestou a necesidade de abordar o círculo completo, establecer sistemas de reciclaxe e formalizar e subsidiar os sistemas irregulares de manexo, do mesmo xeito que tamén se necesita facer fronte á significativa participación da delincuencia organizada neste sector.

E é que recuperar metais valiosos contidos nos RAEEs pode reducir a cantidade de residuos electrónicos producidos, xerar emprego, actividade económica e, por suposto, reducir o impacto sobre o medio ambiente.

Chegados a este punto, alúdese á conveniencia de que os deseñadores busquen formas de recuperar fácilmente os materiais contidos nos RAEEs e que os acordos e convenios na materia se cumpran para evitar o seu vertido.

Segundo a ONU, as alianzas están crecendo. A Unión Internacional de Telecomunicacións, a Universidade das Nacións Unidas e a Asociación Internacional de Residuos Sólidos formaron este ano a Asociación Mundial de Estatísticas sobre Residuos Electrónicos para mellorar e recompilar información sobre residuos electrónicos a nivel global. De feito, a Asociación Mundial sobre Xestión de Residuos estuda tamén a forma de mellorar a xestión nos países en desenvolvemento.

O obxectivo agora é que estes residuos se convertan en recursos, de acordo cos preceptos da economía circular, o que, sen dúbida, contribuirá ao aforro, á preservación da contorna e, por suposto, á protección da saúde.

Saúdos, Departamento de Comunicación