Revertia recibe o Premio RSE Galicia da Xunta na categoría medioambiental

Versión para impresiónSend to friendPDF version
17.07.2017

•O galardón pon de relevo as boas prácticas na xestión sostible dos residuos, toda vez que a firma prima a reutilización dos materiais.

•Non en van, Revertia tense erixido nun dos referentes de empresa acreditados na nova Plataforma Europea de Economía Circular, dada a súa decidida aposta pola incorporación dos materiais ao ciclo produtivo, convertendo os residuos en recursos.

•As súas sedes en Vigo e Madrid permítenlle dar unha ampla cobertura ao territorio español, contando, para o desenvolvemento da súa actividade, cun equipo profesional multidisciplinar e altamente especializado.

*Pero, máis aló da súa dimensión ambiental, Revertia ten unha clara vocación social, xa que fomenta a responsabilidade social dos seus clientes ao propoñer que os equipos informáticos reutilizados se destinen a proxectos sociais.

Cerceda, a 17 de xullo de 2017.- A firma de xestión ambiental Revertia, especializada nos procesos de reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos, foi recoñecida pola Xunta nos Premios RSE Galicia. O galardón, outorgado no ámbito ambiental e dentro da categoría de pequena empresa, pretende enxalzar as boas prácticas na xestión sostible dos residuos.

Dado que, na estratexia xerárquica de xestión de residuos recollida na normativa vixente, a reutilización debe primar sobre a reciclaxe, quíxose poñer en valor o esforzo desta entidade en prolongar a vida útil dos equipos, en clara sintonía cos preceptos da economía circular.

Neste sentido, a filosofía de Revertia é que os bens se volvan a usar e, xa que logo, se recuperen, e, de non poder seguir este camiño por diversas circunstancias, que se desmantelen e se reciclen a fin de pechar o círculo de aproveitamento dos mesmos.

As súas sedes en Vigo e Madrid permítenlle unha ampla cobertura en Galicia e resto do Estado, coa particularidade de que a compañía conta, por unha banda, cun equipo profesional multidisciplinar con dilatada experiencia en xestión de residuos, lexislación ambiental e políticas de responsabilidade social corporativa, e, por outro, con ampla bagaxe técnica en reutilización de compoñentes tecnolóxicos de ordenadores e outros elementos informáticos auxiliares, poñendo en valor o aparentemente inservible ao darlle unha nova utilidade.
RSC, NA CÚSPIDE

Ademais de todo isto, a empresa ten unha clara vertente social ao fomentar a responsabilidade social dos seus clientes e propoñer que unha parte dos equipos que se poidan recuperar se destinen a proxectos sociais no seu nome.

Neste escenario, Revertia aspira a converterse en referente de mercado na reutilización de RAEE, contribuíndo á sostibilidade no seu conxunto, é dicir, á protección do medio ambiente mediante o cumprimento da normativa vixente na materia, ao crecemento económico e á cohesión social.

Pola súa banda, cabe sinalar que Revertia eríxese nun dos referentes de empresa acreditados na nova Plataforma Europea de Economía Circular dada a súa decidida aposta pola reutilización e a incorporación dos materiais ao ciclo produtivo.

Entre os cometidos desta plataforma está precisamente mostrar negocios europeos activamente comprometidos coa economía circular, avanzando desta forma cara a un novo modelo de desenvolvemento que supere o modo de vida lineal, caracterizado polas malas prácticas de extraer-producir-usar e tirar

Saúdos, Departamento de Comunicación