Sogama habilita un xogo en liña para ensinar ao alumnado de secundaria as virtudes da compostaxe doméstica

Versión para impresiónPDF version
14.12.2016

•Esta actividade lúdica proporcionará aos escolares as ferramentas necesarias para que estes poidan montar o seu propio vídeo e coñecer como obter un compost de calidade.

•Ademais de poder escoller a velocidade da película e duración, tamén terán a oportunidade de seleccionar a localización ou momento do día no que se desenvolverán os acontecementos, que se crean fotograma a fotograma.

•A iniciativa está operativa a través da páxina www.compostaconsogama.gal, así como en www.sogama.es, e funciona en dispositivos de sobremesa e portátiles, así como en dispositivos táctiles (tabletas).

•A día de hoxe, Sogama conta con máis de 200 entidades adscritas ao seu programa de compostaxe doméstica, tendo repartido entre as mesmas preto de 6.200 composteiros.

Cerceda, a 14 de decembro de 2016.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de poñer en marcha un xogo en liña destinado ao alumnado de educación secundaria co obxectivo de difundir as virtudes da compostaxe doméstica. Esta iniciativa inscríbese na firme aposta da empresa pública polas novas tecnoloxías e, máis en concreto, polas actividades lúdicas como recursos educativos prioritarios para promover a correcta xestión dos residuos urbanos.

A actividade, que se denomina “Compostaxe doméstica. Experiencia Stop Motion”, proporciona primeiro as oportunas explicaciones sobre o compost e os seus beneficios, para despois facilitar aos escolares as ferramentas necesarias para elaborar o seu propio vídeo, interiorizar as vantaxes medioambientais, económicas e sociais da autocompostaxe e contribuír á difusión das mesmas.

O obxectivo é que os alumnos constrúan unha historia que pode ser descargada en forma de vídeo a partir dos recursos que se poñen á súa disposición, tendo a opción de seleccionar os elementos, obxectos, personaxes e situacións que formarán parte da mesma.

Ademais de ter a oportunidade de escoller a velocidade da película (6 ou 12 fotogramas por segundo) e a duración (10 ou 20 segundos), tamén poderán escoller a localización ou momento do día no que se desenvolverán os acontecementos, que se crean fotograma a fotograma. As personaxes e obxectos pódense mover dentro do escenario, cambiar de tamaño, rotar, distorsionar, etc.

O xogo, a disposición dos internautas na súa páxina www.compostaconsogama.gal e en www.sogama.es, funciona en dispositivos de sobremesa e portátiles, así como en dispositivos táctiles (tabletas).

OPORTUNIDADES E BENEFICIOS

A compostaxe doméstica non é máis que a fermentación controlada, baixo condicións axeitadas de temperatura e humidade, da materia orgánica producida nos fogares ou centros escolares que contan con servizo de comedor. Para levar a cabo este cometido, Sogama repartiu entre distintos grupos poblacionais preto de 6.200 composteiros de 340 litros de capacidade cada un, posibilitando que, coa axuda destes recipientes, o proceso a levar a cabo resulte máis cómodo, áxil e hixiénico.

A día de hoxe, a entidade pública conta con 206 entidades adscritas ao seu programa de autocompostaxe: 136 concellos, 60 centros educativos (primaria, secundaria e Universidade) e 10 colectivos sociais.

Este sistema reporta importantes vantaxes para os entes locais, tanto medioambientais como económicas e sociais.

Desde a dimensión ambiental, porque reciclando os residuos orgánicos en orixe, que supoñen ao redor do 40% do lixo xerado nos domicilios, minórase a frecuencia de recollida dos contedores convencionais e, xa que logo, o transporte do lixo ata a planta de tratamento, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera.

Desde a económica, porque se reduce notablemente o depósito de residuos nos contedores xenéricos e, en consecuencia, o importe da factura a pagar a Sogama, coa particularidade de que os usuarios non precisan comprar fertilizantes artificiais, podendo utilizar un abono natural (compost) que cumpre con todos os requisitos contemplados pola normativa vixente.

E desde a social, porque se recupera unha práctica tradicional en Galicia como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, diminuíndo o número de desprazamentos que a poboación do rural debe facer aos contedores, polo xeral distanciados das casas debido á alta dispersión da poboación.

Saúdos, Departamento de Comunicación