Sogama licita o servizo de seguridade das súas instalacións

Versión para impresiónSend to friendPDF version
17.02.2017

•O contrato, cun importe cercano aos 2 millóns de euros, rexerá para un período de 3 anos, podendo ser prorrogado por un máis.

•No mesmo contémplase o mantemento preventivo e a reparación de calquera posible avaría que teña lugar nas instalacións que conforman o control de accesos, CCTV e intrusión, así como os equipos, sistemas e software informáticos.

•En todo caso, o obxectivo é garantir a vixilancia e protección de bens e persoas de cara ao normal desenvolvemento das actividades que teñan lugar na súa infraestrutura industrial.

Cerceda, a 17 de febreiro de 2017.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente licita, por un importe de 1.920.000 euros (+ IVE), o servizo de seguridade das súas instalacións, contemplando no mesmo o complexo medioambiental e o vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa.

O obxectivo do concurso é garantir a vixilancia e protección de bens mobles e inmobles na propia infraestrutura industrial da Sociedade pública, así como a protección das persoas que poidan atoparse na mesma, permitindo así o normal desenvolvemento das súas actividades.

Neste sentido, o adxudicatario debe contemplar o mantemento preventivo e a reparación de calquera posible avaría que teña lugar nas instalacións que conforman o control de accesos, CCTV e intrusión, así como nos equipos, sistemas e software informáticos que xestionan os devanditos sistemas, incluída a súa rede de datos.

O contrato, cunha duración inicial de 3 anos, poderá ser prorrogado, de forma expresa, ata un máximo de 4.

GARANTÍAS

O prego contempla unha serie de garantías vinculadas á dispoñibilidade dos equipos e á reposición do servizo. No caso da primeira, requirirase que o contratista garanta que a dispoñibilidade media de todos os equipos sexa maior ou igual ao 95%, non podendo ser menor do 90%. De ser así, Sogama aplicará unha penalización anual do 1% do importe total do contrato por cada punto inferior á devandita dispoñibilidade e ata un mínimo do 90%, en cuxo caso resérvase o dereito a rescindir o contrato.
Respecto da reposición do servizo, o adxudicatario debe garantir que o estea cuberto por un vixiante de seguridade acreditado no tempo máximo ofertado. De producirse unha demora, Sogama aplicará unha penalización do 5% sobre o importe correspondente ao devandito mes.

O prazo para a presentación de ofertas conclúe ás 13:00 horas do próximo día 7 de marzo.

Saúdos, Departamento de Comunicación