Os traballos a executar, que deberán estar culminados en 15 días tras a resolución da adxudicación, inclúen os vasos 1 e 2 da zona de recrecido da Fase I, así como a fronte sur da Fase II, sumando unha superficie de 65.000 metros cadrados.
O contrato contempla a subministración e instalación dunha lámina de polietileno de alta densidade (PEAD), así como o acondicionamento previo do espazo a selar e o control interno de calidade das soldaduras realizadas.
Unha serie de garantías técnicas e de prazos recollidas no prego de condicións velarán polo correcto desenvolvemento dos labores contratados, establecendo, en casos de incumprimento, penalizacións económicas e, incluso, a resolución do contrato.
A permanente vixilancia e control da operación do vertedoiro de Areosa constitúe unha das prioridades desta entidade pública de cara a minimizar o impacto da instalación sobre o medio ambiente.
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2012- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación, por parte de Sogama, do selado provisional de diversas áreas do vertedoiro de Areosa (Cerceda), en concreto os vasos 1 e 2 do recrecido da Fase I, e fronte sur da Fase II, aglutinando unha superficie de 65.000 metros cadrados.
O contrato, cun importe máximo de 195.000 euros, contempla, entre outros labores, a subministración e instalación dunha lámina lisa de polietileno de alta densidade (PEAD) de 1 milímetro de espesor, así como o acondicionamento previo da zona a selar, absolutamente necesario para proceder á axeitada colocación da mesma, o que permitirá reducir a formación de tensións ocasionadas pola súa dilatación (cambios na temperatura ambiente),ou ben por asentamentos diferenciais do vertedoiro, especialmente en noiros.
Así mesmo, acometeranse todos os anclaxes necesarios para evitar o efecto vela orixinado por entradas de aire, eliminando con isto os posibles danos que puidesen ocasionar os ventos racheados.
Un rigoroso control interno de calidade das soldaduras realizadas, que deberán someterse a ensaios non destrutivos no cento por cento das mesmas, complementará as distintas actuacións a realizar, que en todo caso serán rexistradas nun informe final de obra que se entregará a Sogama e no que se incluirán os certificados de calidade dos materiais empregados.
GARANTÍAS
As tarefas recollidas no prego de condicións desenvolveranse nun período de 15 días naturais a partir da comunicación da adxudicación, debendo dar resposta en todo caso a unha serie de garantías técnicas. De non ser así, Sogama estipula unha sanción do 5 por cento do importe contratado por cada día de retraso, e ata un máximo de dous, en relación ao comezo dos traballos e á finalización da subministración con respecto aos prazos requiridos.
A penalización elevarase ao 10 por cento en caso de incumprimentos vinculados á calidade, véndose obrigado o adxudicatario a efectuar, á súa conta, cantas reparacións, modificacións e substitucións sexan necesarias para dar resposta ás esixencias impostas, podendo incluso Sogama resolver o contrato cando así o estime conveniente.
VIXILANCIA PERMANENTE
A permanente vixilancia e control, en tempo real, da operación do vertedoiro, a onde se desvía aquela parte do lixo que o Complexo Medioambiental non pode procesar por falta de capacidade, constitúe unha das prioridades desta entidade pública, que non dubida en aplicar cantas medidas, preventivas e correctivas, resulten necesarias en cada momento para minimizar o impacto da instalación sobre o medio ambiente e garantir o seu axeitado funcionamento.
Tralo plan de acción posto en marcha no último cuatrimestre do 2009 para solventar as deficiencias técnicas e de xestión diagnosticadas a través dunha auditoría contratada pola Consellería de Medio Ambiente en maio dese mesmo ano, o seguimento da actividade do vertedoiro foi constante, acometendo, entre outras, actuacións tan importantes como o incremento da capacidade de depuración, permitindo que a auga só sexa vertida a canle pública cando cumpra coas condicións establecidas na Autorización Ambiental Integrada (AAI), a construción de novas balsas de recollida de augas pluviais, a instalación de tomamostras automáticos no punto de vertido, a mellora do proceso de desgasificación e a ampliación da planta de valorización de biogás.
Saúdos, Departamento de Comunicación






