Un alumno do IES Nº1 de Ordes, gañador do iPad sorteado por Sogama no marco da sexta edición da campaña educativa “Ti es a peza que falta”

Versión para impresiónSend to friendPDF version
08.06.2012

Orientada aos escolares dos centros galegos de ensino medio baixo o título “Aínda non coñeces Sogama? Recíclate e colabora”, a campaña lanzouse o 9 de marzo do ano en curso, concluíndo o pasado 21 de maio.

A través de diverso material divulgativo e de apoio, incluíndo unha páxina web específica www.coñecesogama.com, intentouse trasladar aos mozos, dun xeito claro, sinxelo, asequible e ameno, os aspectos máis relevantes da actividade de Sogama, tanto desde a dimensión industrial como corporativa e social, insistindo especialmente na importancia da correcta separación de residuos en orixe de cara a alcanzar os beneficios ambientais e económicos que trae consigo a reciclaxe.

A promoción incluía un concurso no que podían participar todos os alumnos que previamente superasen unha pequena proba de coñecementos on line sobre Sogama. Dous meses despois a iniciativa xa contaba con preto de 4.000 adscritos.

Cerceda, a 8 de xuño de 2012.- Francisco Javier Muiño, un alumno do IES Nº1 de Ordes e natural do municipio de Tordoia, en A Coruña, resultou gañador do iPad sorteado por Sogama no marco da sexta edición da campaña educativa Ti es a peza que falta e que a empresa bautizou co lema “Aínda non coñeces Sogama? Recíclate e colabora”, dirixíndoa a todos os escolares que cursan os seus estudos nos centros galegos de ensino medio.

Tras comprobar o descoñecemento que os máis novos teñen respecto da Sociedade Galega do Medio Ambiente, con esta iniciativa a empresa pretendía dar a coñecer o seu labor, especialmente desde a dimensión industrial, corporativa e social, explicando coa maior nitidez e claridade posible as accións que leva a cabo na nosa comunidade.

Para isto, dotou aos centros con diverso material divulgativo (carteis e folletos fundamentalmente), habilitando un sitio web específico www.coñecesogama.com co que facilitar a transmisión de coñecementos, sendo accesible para todos os interesados. A páxina estará operativa uns meses máis coa pretensión de que os distintos colectivos sociais poidan consultar a información e resolver dúbidas. Non obstante, todos os datos de interese relativos á mesma recóllense na páxina oficial de Sogama www.sogama.es.
Así mesmo, a entidade aproveita esta plataforma para insistir na importancia que ten a práctica do principio dos tres erres, constituíndo estes o cimento de todo sistema de xestión de residuos. A correcta separación de refugallos en orixe concentra unha boa parte da información rexistrada na web, recordando aos usuarios os materiais a depositar nos distintos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas, facendo especial referencia a aqueles de características especiais que poidan dar lugar a dúbidas e incertezas.

E é que a axeitada segregación de desperdicios constitúe aínda unha asignatura pendente en Galicia, onde as baixas porcentaxes de reciclado (10 por cento) esixen unha maior colaboración e implicación cidadá. A nivel estatal esta media sobe ao 15 por cento, pero aínda así afástase moito do 25 por cento alcanzado pola Unión Europea e, máis concretamente, das cifras nas que se moven países punteiros como Alemaña, cuxas taxas de recuperación sitúanse no 45 por cento.

Unha mellora da implicación da poboación no sistema de recollida fraccionada traerá consigo importantes vantaxes ambientais (aforro de enerxía e materias primas), pero tamén económicas, tendo en conta que os entes locais reciben ingresos pola venda de materiais reciclables, á vez que logran reducir as cantidades de desperdicios depositados nos contedores verdes convencionais, o que lles leva a diminuir o importe da factura a pagar a Sogama pola xestión e o tratamento da fracción non reciclable, que converte, con todas as garantías ambientais e de protección da saúde pública, en enerxía eléctrica.

PRETO DE 4.000 ADSCRITOS Á CAMPAÑA

Para participar no concurso, os alumnos debían superar unha pequena proba de coñecementos on line sobre a actividade de Sogama. Dous meses despois do lanzamento da campaña, que tivo lugar o 9 de marzo do ano en curso, logrouse a adscripción de preto de 4.000 estudantes.

A promoción concluíu o pasado 21 de maio, data a partir da cal seguirá operativa a páxina web www.coñecesogama.com, pero non o concurso, cuxos resultados se fixeron públicos recentemente.

Saúdos, Departamento de Comunicación