Un curso da UIMP profundizará na situación e retos do monte galego no século XXI

Versión para impresiónPDF version
11.10.2017

•Baixo a dirección de Tomás Fernández-Couto e Juan J. Raposo Arceo, terá lugar os días 16 e 17 de outubro na Fundación Luís Seoane da Coruña.

•O evento, que inaugurará a Conselleira de Medio Rural e o Director da UIMP en Galicia, contará coas intervencións de expertos de alto nivel na materia, abordando temáticas de gran interese tales como a ordenación do monte, a protección da paisaxe e os montes veciñais en man común.

Cerceda, a 11 de outubro de 2017.- “O monte en Galicia no século XXI”, así se denomina o curso que, promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, acollerá a Fundación Luís Seoane da Coruña os próximos días 16 e 17 de outubro a fin de informar acerca das políticas forestais, o réxime xurídico e a situación e implicacións económicas do sector forestal na nosa comunidade.

Dirixido por Tomás Fernández-Couto e Juan J. Raposo Arceo, ambos Profesores Titulares de Dereito Civil na Universidade da Coruña, orientarase fundamentalmente a propietarios de montes, profesionais e empresarios do sector forestal e, en xeral, a calquera persoa interesada na temática.

Ao acto inaugural, protagonizado pola Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, e o Director da UIMP en Galicia, Jaime Rodríguez-Arana, seguiralle a conferencia que pronunciará Tomás Fernández-Couto sobre os retos do século XXI para o monte galego, así como a intervención de Miguel Ángel Cela González, Subdirector Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

A continuación, unha mesa redonda moderada por Carlos del Álamo Jiménez, Presidente do Instituto de Enxeñería de España, profundará na situación do sector forestal en España e en Europa, contando para isto co coñecemento de Eduardo Rojas Briales, Decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes de España, e José Manuel Jaquotot Sáenz de Miera, Subdirector Xeral de Silvicultura e Montes do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA).

A sesión de tarde será introducida por Isabel Aguirre de Urcola, Directora da Escola Galega de Paisaxe, levándose a cabo unha nova mesa redonda que, baixo o título “Territorio e monte en Galicia”, estará coordinada por Mª Encarnación Rivas Díaz, Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, participando na mesma Inés Santé Riveira, Directora do Instituto de Estudos do Territorio; Roque Rodríguez Soalleiro, Catedrático de Silvicultura na Escola Superior de Enxeñeiros de Montes de Lugo; e Jacobo Feijóo Lamas, Responsable de PEFC Galicia.

As intervencións do día 17 aglutinaranse nun mesmo epígrafe “Os montes veciñais en man común”, un bloque temático no que intervirán José Manuel Busto Lago, Catedrático de Dereito Civil de Galicia, e José Antonio Varela Agrelo, Presidente da Audiencia Provincial de Lugo.

A xornada culminará cunha mesa redonda moderada por Juan J. Raposo e da que formarán parte Xosé Alfredo Pereira Martínez, Representante da ORGACCMM, o avogado Calixto Escariz Vázquez, e Juan Pico Martín, Director da Escola de Enxeñeiros Forestais de Pontevedra (Universidade de Vigo).

Saúdos, Departamento de Comunicación