Unha aplicación multimedia ensinará aos escolares galegos de primaria a poñer en práctica os 3R

Versión para impresiónSend to friendPDF version
02.03.2012

Baixo o título “Aprende con Eco os tres R”, oriéntase a alumnos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos que cursan os seus estudos nos 900 colexios galegos de primaria, proporcionando as claves para modificar os hábitos que limitan a colaboración cidadá na xestión sostible dos residuos urbanos.

Unha mascota, Eco, é a encargada de guiar aos pequenos na adopción de comportamentos vinculados ao consumo racional, o aproveitamento dos recursos e a axeitada clasificación do lixo en orixe para propiciar o seu posterior reciclado.

A aplicación recolle numerosos obradoiros de reutilización, a desenvolver nas propias aulas e fogares, explicando igualmente a técnica a seguir no ámbito da compostaxe doméstica, con grandes posibilidades nas áreas rurais.

Ademais das evidentes vantaxes para o medio ambiente, a correcta xestión dos refugallos beneficiará aos nosos petos e calidade de vida.

Cerceda, a 2 de marzo de 2012.- Sogama, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, acaba de editar un proxecto multimedia “Aprende con Eco os tres R”, a través do cal pretende ensinar aos escolares de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, e que cursan os seus estudos nos 900 colexios galegos de primaria, os pormenores do principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), trasladándolles os coñecementos necesarios para poñelas en práctica na súa vida cotiá.

Anque todos os centros recibirán durante os próximos días os CDs desta aplicación, calquera interesado poderá acceder á mesma a través da páxina web desta Sociedade www.sogama.es.

“Eco” é o nome da mascota que explica aos pequenos en qué consiste a xestión dos refugallos e qué pasos deben seguirse para levala a cabo de forma correcta e respectuosa co medio ambiente, tendo en conta que o traballo dos cidadáns constitúe unha peza esencial que definirá o destino dos desperdicios que xeramos.

E é que se o lixo non se clasifica axeitadamente en orixe, os recursos contidos no mesmo non poderán ser recuperados. Así, insístese nos materiais que deben ser depositados no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks), o azul (papel e cartón), o iglú verde (vidro), o minicontedor de pilas, o xenérico (restos non reciclables) e os puntos limpos, recintos preparados para acoller aqueles residuos de características especiais (voluminosos, pinturas, fluorescentes, vernices, aparellos eléctricos e electrónicos, etc) para os que non se dispoñen de recipientes axeitados nas vías públicas.

O pequeno esforzo que supón seleccionar os refugallos por tipoloxías, traerá consigo un importante aforro enerxético e de materias primas, porque reciclar é aforrar en todos os sentidos.

Pero antes de adentrarse na última fase do traballo a realizar pola poboación, depositando cada tipo de material no contedor correspondente, Eco fai especial fincapé nas dúas primeiras erres, tendo en conta que foron as grandes esquecidas no noso labor como cidadáns responsables.

A REUTILIZACIÓN COBRA ESPECIAL PROTAGONISMO

Respecto da primeira, a redución, enxálzase a importancia de levar a cabo un consumo planificado, sensato e racional a través das compras a granel, rexeitando os artigos excesivamente embalados, optando por envases grandes, familiares e con recambio, e priorizando as bolsas reutilizables (de rafia ou tea) a fin de minimizar o consumo de bolsas plásticas non biodegradables, cun gran impacto ambiental.

En canto á reutilización, que non é máis que o alongamento da vida útil dos produtos antes de os converter en residuos, a aplicación recolle numerosos obradoiros, de gran interese para desenvolver tanto nas propias aulas como nos fogares, ofertando aos alumnos a posibilidade de elaborar obxectos de utilidade a partir do aparentemente inservible. Tal é o caso de bolsos e monedeiros, utilizando briks; acuarios, con caixas de cartón; pulseiras, coas anelas das latas de bebidas; xogos de tres en raia, con cartón e tapas das botellas de plástico; ábacos, portalápis, portavelas, etc.

Trátase de que os escolares descubran o auténtico valor dos residuos e as posibilidades de aproveitamento dos mesmos antes de ser arroxados ao cubo do lixo.

Neste sentido, tamén se presta especial atención á compostaxe doméstica no rural pola gran oportunidade que representa para a reciclaxe da materia orgánica producida nas propias vivendas unifamiliares. Explícase, paso a paso, a técnica a seguir e os elementos necesarios para conseguir un abono de boa calidade, concretando os desperdicios que poden e non poden ser depositados no composteiro. Controlando parámetros tales como a humidade e a temperatura, os usuarios poden obter un fertilizante con excelentes propiedades para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), coa particularidade de que, mediante a reciclaxe in situ, os refugallos orgánicos non terán que ser depositados nos contedores convencionais, podendo diminuír o importe da factura que os concellos deben pagar a Sogama. A isto habería que engadir a recepción de ingresos procedentes dos Sistemas Integrados de Xestión, que serán maiores cantos máis materiais clasifique o cidadán e mellor sexa a calidade dos mesmos.

APROVEITAR, OPTIMIZAR E RENDIBILIZAR

O fin último deste proxecto multimedia non é outro que o de mostrar á comunidade educativa as múltiples utilidades que pode chegar a ter o conceptuado como lixo, permitindo tomar conciencia das grandes cantidades de recursos que desbotamos a diario, consecuencia da tan arraigada cultura de usar e tirar.

Os hábitos e comportamentos da poboación deben ser modificados para minimizar a nosa pegada ecolóxica e preservar a integridade do contorno natural, beneficiando tamén ao noso peto e calidade de vida. A educación é a vía para conseguilo e os escolares poden chegar a constituír un bo medio para que a mensaxe se canalice ao resto da cidadanía. Non obstante, só resultará eficiente se hai unha complementariedade entre escola e familia.

Saúdos, Departamento de Comunicación