Veciños de Rodeiro coñecen en Sogama o proceso de recuperación dos residuos que xeran nos seus domicilios

Versión para impresiónPDF version
19.05.2017

•Acompañados por representantes do concello, efectuaron unha visita guiada a Sogama para formarse na correcta xestión dos residuos urbanos e comprobar por si mesmos o funcionamento do complexo de Cerceda.

•Tralas explicacións iniciais dispensadas por educadores medioambientais, percorreron a infraestrutura industrial para ver, xa de forma práctica, o tratamento que recibe o lixo.

•Esta visita enmárcase na campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que impulsa a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama.

Cerceda, a 19 de maio de 2017.- No marco da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que impulsa a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que participa Ecoembes e Sogama, veciños da localidade pontevedresa de Rodeiro desprazáronse á sede da Sociedade Galega do Medio Ambiente para coñecer por si mesmos o funcionamento do seu complexo medioambiental e comprobar in situ a xestión e o tratamento que recibe o lixo producido nos seus fogares.

Acompañados por representantes do concello, foron recibidos por un equipo de educadores medioambientais, encargándose estes de proporcionar as explicacións iniciais sobre distintos aspectos vinculados aos residuos, é dicir, por que supoñen un problema, como debe abordarse a súa xestión, razóns polas cales debemos incorporar á nosa vida diaria a estratexia europea dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e, moi importante, como separar correctamente os refugallos para garantir o seu posterior reciclado.

Neste sentido, recordouse que o contedor amarelo recolle as latas, os briks e os envases de plástico; que o azul resérvase para os envases de cartón e papel; que no iglú verde deben introducirse os envases de vidro (botellas, frascos e tarros) e que o contedor verde xenérico só admite a fracción resto. Así mesmo, aludiuse á función dos puntos limpos municipais, a donde os veciños deben trasladar aqueles materiais de características especiais tales como mobles, colchóns, aceites, neveiras, lavadoras, fluorescentes e aparellos eléctricos e electrónicos, entre outros, a fin de que se entreguen a xestores autorizados e poidan recibir o tratamento oportuno. Tamén se falou das pilas pola súa alta carga contaminante, debendo ser introducidas nos recipientes específicos, a disposición da poboación nas casas consistoriais, centros educativos, asociacións e establecementos comerciais.

CLASE PRÁCTICA

Trala sesión teórica, e unha vez equipados cos elementos de protección individual, os integrantes do colectivo, acompañados polos monitores, puideron percorrer a infraestrutura industrial de Sogama e comprobar o cometido de cada instalación.

A primeira parada tivo lugar na de clasificación, onde se reciben os envases depositados no contedor amarelo a fin de ser seleccionados de forma mecánica e enviados aos centros recicladores. Para levar a cabo este proceso utilízanse elementos tales como lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault e campás aspiradoras. Unha vez seleccionados por tipoloxías (plástico duro, fino, pet e plástico mestura), remítense á industria transformadora para ser convertidos en novas materias primas.

O percorrido continuou pola planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, instalación na que se recibe o lixo xenérico introducido no contedor verde convencional a fin de segregar a parte reciclable (aceiro, aluminio e vidro), preparando co resto un combustible derivado de residuos (CDR) que nutre unha planta termoeléctrica para producir electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.

OPORTUNIDADES PARA RECICLAR

Ademais de visitas ás instalacións de Sogama, Oportunidades Galicia, campaña autonómica coa que se pretende elevar as taxas de reciclado na nosa comunidade, atende distintos públicos a través de aulas móbiles e carpas informativas que se ubican nas rúas para informar, formar e asesorar aos cidadáns na correcta xestión dos residuos urbanos. A iniciativa tamén está presente en centros educativos, centros comerciais, asociacións, campamentos e eventos deportivos, constituíndo todos eles excelentes escenarios para reciclar e difundir a súa mensaxe.

Máis información en www.oportunidadesparareciclar.gal .

Saúdos, Departamento de Comunicación