Vilaboa e Cambados amplían os seus programas de compostaxe doméstica da man de Sogama

Versión para impresiónPDF version
11.10.2017

•65 novos fogares de ambos os dous municipios instaurarán prácticas de reciclaxe da materia orgánica en orixe.

•Con isto, os dous concellos verán acrecentados os beneficios ambientais, económicos e sociais derivados desta iniciativa, toda vez que os restos orgánicos supoñen ao redor do 42% do lixo xerado nas casas.

•Como vén sendo habitual, as vivendas a incorporar deben ser unifamiliares e dispoñer de horta, xardín ou terras de cultivo nas que aplicar o compost resultante.

Cerceda, a 11 de outubro de 2017.- En resposta á solicitude realizada no seu momento polos concellos pontevedreses de Vilaboa e Cambados, Sogama entregou en ambos municipios un total de 65 novos composteiros (de 350 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), facendo un total de 230 os recipientes subministrados pola empresa pública.

Condición indispensable é que, tal e como se recolle no protocolo de Sogama, as novas vivendas sexan unifamiliares e dispoñan de horta, xardín ou terras de cultivo nas que aplicar o compost resultante, que polo xeral goza dunha boa calidade, tal e como se veu corroborando a través dos resultados das mostraxes realizadas pola empresa pública en diversos puntos de Galicia e que foron analizados cientificamente pola Universidade de Santiago de Compostela, concluíndo que o abono obtido cumpría cos requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente, sendo apto para aplicar á agricultura sen restricións.

Vilaboa e Cambados pretenden dar un paso máis no ámbito da autocompostaxe e contar cun maior número de fogares incorporados a este proxecto co fin de alcanzar os seus beneficios, xa constatados desde a dimensión ambiental, económica e social.

Á redución da frecuencia de recollida e transporte do lixo, o que trae consigo menores emisións de CO2 á atmosfera, engadiríase a diminución do importe da factura a pagar a Sogama, como consecuencia da entrega, á compañía, de menos cantidade de residuos xenéricos, así como a recuperación dunha tradición no rural galego e que agora aflora polas bondades ecolóxicas asociadas á reciclaxe da materia orgánica en orixe, que supón ao redor do 42% do total do lixo producido nos fogares.

Para axudar aos usuarios no seu labor, a Sociedade Galega do Medio Ambiente conta cun sitio web, www.compostaconsogama.gal, a través do cal os interesados poden complementar os seus coñecementos, dispoñendo de toda a información vinculada ao proceso de elaboración de compost. Así mesmo, e co obxectivo de facilitar a asimilación de conceptos, os internautas teñen tamén á súa disposición outros recursos tales como vídeos, tutoriais e xogos.

O seguimento do programa, que leva aparellado visitas porta a porta, recae no persoal dos propios concellos, encargado de comprobar a técnica aplicada polos veciños, solventar as dúbidas formuladas e corrixir posibles erros ou desviacións.

Saúdos, Departamento de Comunicación