A Xustiza condena ao concello de Pontevedra a aboar a Sogama máis de 300.000 euros

Versión para impresiónSend to friendPDF version
31.05.2012

Así se contempla na sentenza ditada o día 21 deste mes polo Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº3 de Pontevedra, estimando integramente o recurso de reposición formulado por Sogama fronte ao Acordo municipal do 23 de marzo de 2009.

Sogama mantén que a resolución impugnada debe ser anulada porque, para rebaixar o prezo a aboar á empresa do total facturado polo período agosto-decembro de 2008, a Xunta de Goberno Local apoiouse nun Acordo do 29 de novembro de 2004 declarado nulo en Sentenza ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O Xulgado entende que "é desconcertante a actitude mostrada polo ente local demandado", coa particularidade de que foi este quen fixou o prezo a aboar pola prestación do servizo “e fíxoo periodicamente, en forma sucesiva, en ocasións parcial, de forma unilateral e sen acudir a ningún expediente formal sobre modificación de contrato".

Así mesmo, recoñece que o concello aceptou voluntariamente a súa integración no modelo Sogama e a substitución do prezo inicialmente pactado para o tratamento dos residuos urbanos en 1997 e addenda de 1999, polo que agora “debe pasar pola súa propia declaración voluntaria e aceptar o prezo unitario de referencia e a súa revisión anual segundo o IPC".

A sentenza que nos ocupa senta uns criterios que, loxicamente, deberían proxectarse sobre o resto dos procesos xudiciais nos que se impugnaron todas as facturas posteriores dende decembro de 2008 ata a actualidade.

Cerceda, a 29 de maio de 2012. - O Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº3 de Pontevedra condena ao concello de Pontevedra, mediante Sentenza ditada con data 21 de maio de 2012, a aboar a Sogama a cantidade de 304.265,02 euros, importe correspondente á diferenza entre o facturado pola empresa durante os últimos cinco meses do ano 2008 (717.114,67 euros) e o recoñecido polo ente local no seu Acordo do 23 de marzo de 2009 (412.849,65 euros), estimando integramente o recurso de reposición formulado por Sogama fronte á resolución municipal referida.

Sogama mantén que a resolución impugnada debe ser anulada porque, para rebaixar o prezo a aboar á empresa do total facturado polo período agosto-decembro de 2008, a Xunta de Goberno Local apoiouse nun Acordo do 29 de novembro de 2004 declarado nulo en Sentenza do 23 de outubro de 2008 ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), cualificando a reacción municipal como "a realización dunha contabilidade alternativa á da Sociedade", ao tempo que significou que "era o concello o que tiña a carga de recorrer contra a comunicación do 7 de outubro de 2003, ou máis precisamente, contra o acordo do seu Consello de Administración de data 1 dese mesmo mes" e mediante o cal se aproba a aplicación dun canon único para todos os concellos adscritos ao modelo Sogama, facéndose efectivo a partir do 1 de xaneiro de 2004 e actualizándose anualmente co IPC correspondente. Esta Sentenza establece o recoñecemento do dereito de Sogama ao total ingreso das cantidades vencidas debidas durante o 2004 e que ascendían a 412.402,23 euros, cifra á que habería que engadir 135.169,09 euros de intereses de demora e 25.801,71 euros de intereses legais, traducíndose nun total de 573.373,03 euros.

O TSXG confirma a validez da Addenda do 31 de marzo de 1999 ao entender que con esta se adaptou o contrato ás novas circunstancias de prazo, pero tamén de prezo, acordando que a cantidade inicialmente pactada (4.500 pts./tonelada) fose substituída polo canon definitivo e unitario fixado para todos os municipios adheridos ao proxecto Sogama en tanto este se desenvolvese.

Entende o Xulgado de Pontevedra que "unha conduta que se podía esperar do concello de Pontevedra, unha vez coñecida a resposta da sala a esta primeira sentenza, sería precisamente a de asumila, non só para o período 2004, senón tamén para os seguintes”, ao que engadiu que "é desconcertante a actitude mostrada polo ente local demandado", coa particularidade de que "foi o concello o que fixou o prezo a aboar pola prestación do servizo e fíxoo periodicamente, en forma sucesiva, en ocasións parcial, de forma unilateral e sen acudir a ningún expediente formal sobre modificación de contrato". Así mesmo, manifestou que "sería contrario aos máis elementais principios de actuación procesual (boa fe, principio "pro actione") que a firmeza destes primeiros acordos impedise a Sogama atacar os que lle seguiron cando non foi a empresa, senón o propio concello, o que os veu ditando, caótica e periodicamente, e non precisamente para todos eses exercicios ao comezo do ano, senón en diferentes datas, incluso do mesmo ano".

O xulgado recoñece que o concello aceptou voluntariamente a súa integración no modelo Sogama e a substitución do prezo inicialmente pactado para o tratamento dos residuos urbanos en 1997 e addenda de 1999, polo que agora “debe pasar pola súa propia declaración voluntaria e aceptar o prezo unitario de referencia e a súa revisión anual segundo o IPC".
A Sentenza que nos ocupa senta uns criterios que, loxicamente, deberían proxectarse sobre o resto dos procesos xudiciais nos que se impugnaron todas as facturas posteriores dende decembro de 2008 ata a actualidade.

ANTECEDENTES: PRINCIPAIS FITOS

As desavenenzas co concello de Pontevedra dan comezo con motivo da aplicación da cláusula para a fixación do canon definitivo por tonelada para todos os concellos de Galicia (consensuado coa FEGAMP) e que se aplicaría, a partir do 1 de xaneiro de 2004, aos municipios adscritos ao seu modelo a razón de 44 euros +7% de IVE por tonelada de RU tratada. Pontevedra rexeita a aplicación desta cláusula ao entender que carece de validez, pois a Addenda ao contrato de data 31 de marzo de 1999 non foi aprobada no pleno municipal, considerando que o canon a aplicar é o que aboarían ata a data e as súas actualizacións faríanse conforme ao IPC e inversamente proporcional ao prezo da enerxía.

Os distintos acordos da Xunta de Goberno Local desestiman as reclamacións de Sogama e piden a esta que proceda a rectificar o prezo conforme á fórmula convida no seu momento.

En xaneiro de 2005, Sogama interpón Recurso de Reposición contra os acordos da Xunta de Goberno Local mediante os cales se rexeitaron as facturas presentadas pola Sociedade e, posteriormente, interpón Recurso Contencioso-Administrativo contra a presunta desestimación do citado Recurso de Reposición. O Contencioso-Administrativo foi desestimado a través de Sentenza por unha cuestión de forma, non de fondo. Fronte a esta Sentenza, Sogama promove Recurso de Apelación, recoñecendo o fallo o dereito desta Sociedade pública ao total ingreso das cantidades vencidas debidas en concepto de canon unitario e condenando o concello ao aboamento destas cos correspondentes intereses.

Ante a pasividade do ente local, Sogama insta a execución forzosa da Sentenza, reclamando ao mesmo tempo, a través de recursos independentes, as facturas pendentes de aboamento dende xaneiro de 2005.

A Sentenza, ditada con data de 17 de setembro de 2010, no seo do procedemento ordinario 405/2009, desestima o recurso contencioso-administrativo interposto por Sogama fronte ao concello de Pontevedra reclamando o pagamento das facturas correspondentes aos servizos de xestión de residuos urbanos prestados pola empresa nos anos 2005 a 2007 e xaneiro a xullo de 2008 (o razoamento céntrase no carácter consentido dos acordos municipais relativos a ese período nos que a Xunta de Goberno Local fixaba as cantidades a aboar a Sogama en contía inferior á consignada nas facturas xiradas por esta, entendendo que debía ter impugnado previamente tales acordos). Deste xeito quedou imprexuzgado o fondo do asunto, é dicir, non se pronunciou sobre a aplicabilidade a Pontevedra do canon único.

O 14 de outubro do 2010 preséntase recurso de apelación fronte á Sentenza ditada o 17 de setembro de 2010.

Mediante Sentenza de 29 de setembro de 2011, o TSXG desestima a reclamación de Sogama relativa á falta de pagamento, por parte do concello, das diferenzas existentes no aboamento das facturas emitidas entre xaneiro de 2005 e xullo de 2008, toda vez que esta non impugnou en prazo os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local.

A débeda vencida do concello de Pontevedra ascende na actualidade a 2.738.005,42 euros, a segunda máis elevada despois da Mancomunidade do Morrazo.

Saúdos, Departamento de Comunicación