|
<< Anteriores | Seguintes >> 07/09/2010 03/09/2010 01/09/2010 31/08/2010 03/08/2010 02/08/2010 30/07/2010 29/07/2010 |
05/02/2010 Representantes das dez plantas españolas de valorización enerxética integradas en "Aeversu" manteñen unha xuntanza en Sogama De acordo co programa de traballo desta Asociación, as dependencias de Sogama en Cerceda foron elixidas para levar a cabo unha das súas reunións, que se veñen celebrando periodicamente, e onde os seus membros analizan as novidades do sector, poñendo en común as dificultades, progresos e proxectos de cada instalación. España, cunha taxa de valorización enerxética do 13 por cento dos residuos, atópase aínda por debaixo da media europea, que rolda o 20 por cento, destacando o caso de países como Dinamarca, cun 58 por cento, Luxemburgo, co 56 por cento, Holanda, co 42 por cento, Suecia, co 39 por cento, ou Francia e Alemaña, co 27 e 25 por cento respectivamente. Unha das principais vantaxes da valorización enerxética é a redución do volume dos residuos ata alcanzar o 90-95 por cento, así como o exhaustivo control ambiental ao que son sometidas as instalacións, cumprindo todas elas coa lexislación vixente na materia. AEVERSU comparte integramente a filosofía da UE respecto á xestión dos RU, priorizando a estratexia comunitaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), e concibindo a recuperación enerxética como sistema complementario, por diante do vertido controlado. Cerceda, a 5 de febreiro de 2010. - No marco do programa de traballo deseñado pola Asociación Empresarial de Valorización de Residuos Sólidos Urbanos -AEVERSU- que conta coa adhesión de dez plantas españolas, entre as que se atopa Sogama, contémplase a celebración periódica dunha serie de reunións de traballo nas que, ademais de abordar temas de actualidade vinculados ao sector, tanto a nivel nacional como internacional, analízanse as últimas novidades lexislativas e tecnolóxicas na materia, así como as experiencias de cada instalación, poñendo en común os progresos, dificultades e proxectos propios das súas respectivas áreas de intervención. Nesta ocasión, o escenario elixido para materializar o encontro foron as dependencias de Sogama en Cerceda, convocando aos responsables das plantas integradas en AEVERSU, isto é, a de CANTABRIA, na localidade de Meruelo; REMESA, en Melilla; SIRUSA, en Tarragona; as catalás TERSA, en Barcelona, TRAGIRSA, en Griona, e TRM, en Mataró; ZABALGARBI, en Bilbao; TIRMADRID, en Madrid; e TIRME, en Palma de Mallorca. Aínda que con distintas capacidades de valorización, as tecnoloxías utilizadas nestas infraestruturas, ben de grellas ou ben de leito fluidizado, permiten acondicionar previamente o residuo e axustalo aos requisitos técnicos pertinentes para que poida ser aproveitado enerxeticamente, ao tempo que dispoñen dos máis modernos sistemas de depuración de gases, axustando con isTo os niveis de emisión, que están moi por debaixo dos límites legais. A potencia destas plantas é actualmente de 194 Mw, cifra equivalente á cantidade de enerxía necesaria para subministrar electricidade a 215.000 familias. AEVERSU COMPARTE INTEGRAMENTE A FILOSOFÍA DA UNIÓN EUROPEA Para AEVERSU a incineración con recuperación de enerxía presenta unha serie de vantaxes sobre outros tratamentos, xa que logra unha grande redución no volume dos residuos, alcanzando ata un 90-95 por cento, e abrangue unha ampla variedade de lixo a tratar, recuperando a enerxía contida neste e proporcionando un aforro de combustibles fósiles. Ademais, ao contrario que os vertedoiros, necesita pouco terreo, ocasionando un menor impacto ambiental. O proceso xera dous subprodutos: por un lado, as escouras, que poden ser reutilizadas como material de construción, en substitución de áridos de canteira, e as cinzas, que no caso de Sogama son almacenadas en sacos big-bags e despostas, con todos os requisitos ambientais, nun depósito de seguridade. A organización comparte totalmente a filosofía da UE respecto á xestión dos residuos, considerando a valorización enerxética como un sistema complementario da estratexia comunicativa das tres erres, priorizando a minimización da xeración de lixo, a reutilización e a reciclaxe, relegando o vertido controlado como última opción. España, onde o destino a vertedoiro é o sistema máis utilizado, cun 60 por cento de residuos, porcentaxe que se rebaixa ata o 41 por cento na UE, valoriza enerxeticamente 2 millóns de toneladas anuais de RU, cifra que vén a representar o 13 por cento do total de lixo producido, unha cantidade que atopa por debaixo da taxa media de valorización de Europa, que rolda o 20 por cento. Como exemplos poderían citarse o caso de Dinamarca, cun 58 por cento, Luxemburgo, co 56 por cento, Holanda, co 42 por cento, Suecia, co 39 por cento, ou Francia e Alemaña, co 27 e 25 por cento respectivamente. O sector da incineración é quizais o máis vixiado nos seus aspectos ambientais, o que conleva que as instalacións sexan sometidas a un exhaustivo control ambiental das súas emisións, garantindo así o rigoroso cumprimento das limitacións impostas pola normativa autonómica, estatal e europea. A transparencia informativa constitúe, neste sentido, un dos principais obxectivos de AEVERSU. Creada no ano 1998, aínda que a Asociación ten ámbito nacional, estende a súa colaboración, como membro da CEWEP (Confederación Europea de Plantas de Recuperación Enerxética de Residuos) ao ámbito europeo, pretendendo ser un ente colaborador eficaz das Administracións públicas, asociacións veciñais, técnicas, científicas e ONG´s, impulsando e apoiando todos aqueles sistemas de tratamento de residuos que sexan ambiental, técnica, económica e socialmente posibles e axeitados. Saúdos, Departamento de Comunicación |