|
<< Anteriores | Seguintes >> 03/09/2010 01/09/2010 31/08/2010 03/08/2010 02/08/2010 30/07/2010 29/07/2010 28/07/2010 |
08/02/2010 A localidade portuguesa de Viana do Castelo acolleu un Workshop sobre valorización de residuos na Eurorrexión, contando coa participación de Sogama Esta xornada enmárcase no Proxecto de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal "Red-Genera, cuxo obxectivo é o de fortalecer a xestión dos residuos industriais nas pemes da Eurorrexión baixo criterios de sostibilidad.e Expertos e profesionais do sector déronse cita en Portugal o pasado venres, 5 de febreiro, coa pretensión de abordar o aproveitamento dos residuos dende diferentes perspectivas. Por parte de Galicia, contouse coa participación do Catedrático Felipe Macías, da USC, e Juan Rilo, da Asociación de Reciclaxe de Residuos de Construción e Demolición. Pola súa parte, Mónica Pérez, responsable de I+D+i de Sogama, explicou o papel desempeñado por esta Sociedade pública na xestión e tratamento dos residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego, destacando as bondades da valorización enerxética para a fracción non reciclable. Cerceda, a 8 de febreiro de 2010. - A localidade portuguesa de Viana do Castelo acolleu o pasado venres, 5 de febreiro, un Workshop, promovido polo CVR, sobre valorización de residuos na Eurorrexión, no marco do Proxecto "Red Genera". Distintas entidades vinculadas ao sector, ademais de representantes dos socios participantes neste proxecto, isto é, o Consello Galego de Cámaras, como líder do mesmo, as Cámaras de Comercio de Ourense, Pontevedra, Vigo e Tui, e Sogama, por parte de Galicia, e o Centro de Valorización de Residuos (CVR), a Asociación de Industrias do Minho Aiminho e Idite-Minho, por parte portuguesa, déronse cita nunha xornada coa que se pretendía abordar a xestión sostible dos residuos dende diferentes perspectivas. Desta forma configurouse un programa no que se intentou dar cobertura ás temáticas de maior interese, promovendo a intervención de expertos e profesionais na materia. Tal é o caso do Catedrático Felipe Macías, da Universidade de Santiago de Compostela, quen abordou o proceso de valorización bioxeoquímica na recuperación de solos contaminados e degradados con tecnosoles derivados de residuos, e Juan Rilo, da Asociación de Reciclaxe de Residuos de Construción e Demolición de Galicia (RECINOR), quen explicou o proceso de reciclaxe deste tipo de materiais. Pola súa parte, o profesor Mario Russo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, deu a coñecer a situación dos residuos sólidos na rexión norte de Portugal, mentres que Fernando Leite, do Servizo intermunicipal de Xestión de Residuos de Porto, explicou os sistemas de prevención de lixo na área metropolitana desta cidade. Fernando Castro, da Universidade do Minho, afondou nas oportunidades que trae consigo a valorización de residuos industriais, mentres que Madalena Alves, do Departamento de Enxeñaría Biolóxica desta mesma Universidade, falou do papel do biogás na Eurorrexión, prestando especial atención ao mercado desta fonte de enerxía renovable e a súa contribución á protección do médio ambiente fronte ao cambio climático. Sogama estivo representada por Mónica Pérez, Responsable de I+D+i, quen detallou o papel desempeñado por esta Sociedade na xestión dos residuos urbanos producidos en Galicia, explicando tanto a loxística e transporte dos mesmos, especialmente relevante pola grande dispersión da poboación galega, como o sistema de tratamento polo que apostou esta empresa pública e no que a colaboración cidadá en orixe, a través da redución e reutilización, vese complementado coa reciclaxe e a valorización enerxética da fracción non reciclable, cumprindo rigorosamente coa normativa vixente na materia. O PROXECTO RED-GENERA, MARCO DE REFERENCIA Cofinanciado polo Fondo FEDER nun 75 por cento, o Proxecto Red-Genera ten como finalidade fortalecer a xestión dos residuos industriais producidos na Eurorrexión co fin de facela máis sostible, tanto dende o punto de vista ambiental, minimizando a contaminación orixinada pola produción de residuos nas pemes, como económico, a través da promoción da industria da reciclaxe, a innovación e o fomento da competitividade das compañías do sector, e social, mediante a xeración de emprego, aspecto de vital importancia no contexto de crise económica no que nos atopamos inmersos. Para iso, esta iniciativa, a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, contempla a aplicación prioritaria de medidas tales como a prevención e a redución en orixe do lixo producido, a reutilización de materiais para outros procesos, a reciclaxe e a valorización. Saúdos, Departamento de Comunicación |