|
<< Anteriores | Seguintes >> 07/09/2010 03/09/2010 01/09/2010 31/08/2010 03/08/2010 02/08/2010 30/07/2010 29/07/2010 |
09/03/2010 Sogama adxudica por 2.878.785 euros a subministración de area para o correcto funcionamento das caldeiras da Planta Termoeléctrica Prevendo un consumo anual de 17.500 toneladas, a media diaria establécese nas 45-55 toneladas. Tendo en conta a tecnoloxía utilizada na Planta Termoeléctrica, denominada de Leito Fluído Circulante, a valorización enerxética do Combustible Derivado de Residuos (CDR) ten lugar ao poñer este en contacto coa area en fluidificación, facilitando deste xeito unha combustión de alta eficiencia e máis homoxénea. Co fin de garantir a adecuada operación da planta, a area a subministrar debe reunir unha serie de condicións técnicas en canto a tamaño, temperatura, humidade e outras características que acrediten a súa validez. Co obxecto de evitar riscos, Sogama tomará mostras aleatorias dos primeiros envíos de material para realizar as probas pertinentes e verificar a súa calidade. Cerceda, a 9 de marzo de 2010. - Sogama adxudicou á compañía Arenas Industriales de Montorio, S.A (AIMSA), por un importe de 2.878.785 euros, a subministración de area de sílice necesaria para o correcto funcionamento das dúas caldeiras da Planta Termoeléctrica, un 21 por cento menos que o prezo máximo de licitación do concurso, que ascendía a 3.487.758 euros, supoñendo ademais un aforro do 12,45 por cento respectó á anterior contratación. PAPEL QUE CUMPRE A AREA NO PROCESO DE VALORIZACIÓN ENERXÉTICA A area cobra especial protagonismo na última etapa do proceso de tratamento ao que son sometidos os residuos urbanos no Complexo Medioambiental de Cerceda. Así, tras elaborar nunha fase previa o Combustible Derivado de Residuos (CDR) coa fracción non reciclable por outras vías, este sométese a un proceso de valorización enerxética en dúas caldeiras de leito fluído circulante, poñendo en contacto, a temperaturas superiores a 850ºC, a area en fluidificación co CDR, facilitando deste xeito unha combustión de alta eficiencia e máis homoxénea. As elevadas temperaturas propician á súa vez a eliminación de dioxinas e furanos, entrando en xogo un sistema de depuración de gases conformado por cal apagada, carbón activo e filtros de mangas, permitindo que os niveis de emisións á atmosfera estean moi por debaixo dos límites legais. Prevendo un consumo de 17.500 toneladas anuais de area, establécese unha media diaria de 45-55 toneladas. Non obstante, e dado que os consumos poden oscilar por diversas circunstancias, en situacións de urxencia a adxudicataria garantirá os prazos de entrega, que serán de 24 horas para pedidos de 100 toneladas por día e de 48 horas no caso de 260 toneladas. REQUISITOS TÉCNICOS Co obxectivo de que o material non ocasione problemas no proceso de valorización enerxética, este debe cumprir cunha serie de requisitos técnicos, garantindo así a súa calidade. Neste sentido podería sinalarse a necesidade de que sexa area de sílice lavada, libre de arxilas e materias orgánicas, cun tamaño de gran non superior aos 0,630 mm (debendo atoparse no intervalo de entre os 0,2 e os 0,3 mm), e un contido de humidade inferior ao 1 por cento. Ademais, debe axustarse a unha serie de condicionantes físico-químicos, onde a temperatura de aglomeración non superará os 1.200º C, a densidade aparente debe oscilar entre 1.300 e 2.000 quilos por metro cúbico e a real entre 1.700 e 2.300 quilos por metro cúbico. A fin de evitar riscos, Sogama tomará mostras aleatorias dos primeiros envíos de area para realizar as probas pertinentes e verificar a súa calidade. En caso de que non cumpra as especificacións requiridas, procederase á inmediata rescisión do contrato. Saúdos, Departamento de Comunicación |